As concentracións parcelarias, co modelo de sempre

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

CASTRO DE REI

En Viladonga (Castro de Rei) se va a realizar la concentración parcelaria
En Viladonga (Castro de Rei) vaise realizar a concentración parcelaria PALACIOS

O proxecto piloto da Xunta para reestruturar o terreo está sen aplicar

03 abr 2021 . Actualizado ás 19:17 h.

Unha concentración parcelaria recentemente rematada e cos títulos entregados en Castro de Rei (a de Mos), outra en igual situación en Riotorto (a da Órrea-Galegos). Hai outras dúas que empezarán proximamente en Lugo: unha en Castro de Rei (a de Viladonga), outra en Friol (Seoane); a Xunta ademais acaba de dar luz verde a dúas en Outeiro de Rei (a de San Fiz e a de Arcos-Sobrada-San Lourenzo de Aguiar).

Todas elas seguen un modelo que é coñecido desde hai décadas e que supón unha diminución do número de leiras, un aumento da súa superficie media e a creación dunha rede viaria. Fai agora tres anos, en cambio, a Xunta traballaba nun novo modelo, coñecido como Mecanismo Agrario de Reestrututación Comunitaria da Superficie (Marcos). O proxecto sería unha especie de concentración parcelaria exprés. Fomentaríase un intercambio de terreo con sistema de alugueiro entre propietarios, e o contido da medida permitiría unha execución sería moito máis rápida que a das concentracións, que a miúdo tardan máis dun decenio en acabarse. Actuaríase en zonas de entre 50 e 200 hectáreas, e suporíase que abondarían seis meses naquelas zonas onde se aplicase o sistema.

No 2018 anunciouse que se elixiu como candidata para zona piloto unha parroquia de Sarria (Louseiro), e ademais anunciouse que se estudaría a realización deste modelo en Vilalba (as parroquias serían seguramente Lanzós e Goiriz) e nas comarcas de Ortegal, do Eume e do Deza. Os traballos en Sarria permitiron á Xunta comprobar que se lograba unha redución do 20 % das leiras e un aumento medio da superficie do 25 %.

Segundo fontes da Consellería do Medio Rural, o estudo «serviu para extraer conclusións que poder aplicar en futuras reestruturacións parcelarias e proxectos de mobilización de terras en toda Galicia». No entanto, non se deron pasos concretos para a súa aplicación noutros lugares de Galicia. Mentres, séguea traballando co modelo tradicional: ás citadas concentracións de Viladonga (Castro de Rei) e de Seoane (Friol) uniráselles este ano outra na Coruña, a de Poulo (Ordes).

Esperanzas de alcaldes

Entre alcaldes en cuxos municipios se van realizar parcelarias hai sensación de certa satisfacción. Francisco Balado, alcalde de Castro de Rei, afirma que son imprescindibles. «É impensable producir no rural se non hai concentración», di. Recalca que en municipios como o seu, cun notable peso da gandería de leite, a falta de reestruturación pode acabar por xerar desánimo entre os campesiños. De todos os xeitos, unha concentración recentemente acabada (Mos), unha rematada no 2020 (Ramil), unha anunciada (Viladonga) e outra en fase inicial (Triabá) permiten un certo optimismo: «As expectativas son boas», di.

O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo, comparte esa idea da necesaria reestruturación: «As leiras pequenas non teñen rendibilidade ningunha», sostén. Por iso agarda que as dúas concentracións previstas cheguen a ser un estímulo para potenciar a agricultura, a gandería ou o sector forestal no medio rural.

O rexedor de Friol, José Anxo Santos, achega algún matiz. Cre fundamental a ordenación territorial, pero aceptando que se faga con concentracións parcelarias, co Banco de Terras ou con permutas entre donos de leiras, un sistema posto en marcha o Concello friolense, que paga aos particulares os gastos de notaría como mostra de apoio.