Trinta e oito anos de Tarradellas na «república» do Cereixal

A historia do lugués que ao volver de Barcelona «perdeu» os seus apelidos e adoptou os do primeiro presidente da Generalitat de Cataluña


Becerreá / a voz

O que fose presidente da Generalitat no exilio desde 1954, Josep Tarradellas, tardou máis de corenta anos en volver a Cataluña. Manuel Fernández Gigán, ao que só a súa familia e o carteiro coñecen por ese nome, volveu á súa terra 38 anos despois de marchar a Barcelona. Desde entón está asentado na «república» do Cereixal (Becerreá) -como así di de broma algún dos seus veciños- onde todos lle coñecen como O Tarradellas. Non lle quedou máis remedio que ceder ao nome que lle foi asignado polo pobo aínda que quen realmente llo puxo foi unha cuñada súa.

«Xa non hai Manuel que valla. É O Tarradellas. Non ve que cando vai aos enterros deixa a tarxeta con nome de Casa Tarradellas ou asina con ese apelido!», comentou un dos seus veciños. Totalmente certo, corrobora o home que acabou adoptando como identidade a de Tarradellas e que incluso trasladou ao panteón que fixo no cemiterio do Cereixal. Non pasa desapercibido o nome porque está pegado á estrada e vese perfectamente.

Manuel non ten que ver nin co político, nin tampouco co empresario que fabrica pizzas e «espetec» co nome comercial de Casa Tarradellas. O dirixente catalán tivo que exiliarse por razóns políticas. Manuel viuse na necesidade doutro exilio, neste caso a emigración, para buscar un porvir que non tiña en Ludrio, a parroquia de Castro de Rei onde naceu. Con menos de 18 anos marchou cun primo de 16 a Barcelona e alí quedou traballando duramente.

Na cidade condal tiña algúns parentes e un amigo de Rozas que era condutor de autobús. «Realmente traballo había o que se quería; o máis difícil era conseguir vivenda. Ao pouco de chegar xa entrei a traballar nunha empresa de orixe vasco, a Casa Llopis, que se dedicaba a facer fornos eléctricos de panadería. A fábrica estaba a uns seis quilómetros onde vivía, pero había tranvías. Traballei das seis da mañá ás dez e media da noite, incluso algún domingo. ¡Facíanse cartos! Lembro que, ao mellor, eran mil pesetas á semana», explicou Manuel.

Na empresa dos fornos botou seis meses e marchouse porque lle pagaban máis instalando unhas casas prefabricadas na zona do Besós para poder dar acollida a familias que se viron afectadas por unhas graves inundacións. Pero o seu periplo laboral non acabou aí, nin tan sequera na fábrica de bolsas de plástico na que estivo unha tempada. Nese momento chegaban ao mercado as bolsas co nome dos establecementos e tamén debuxos.

Nese tempo tivo que enfrontarse a varios contratempos, pero aínda así aprendeu o oficio de xastre e montou dous talleres de confección nos que traballou para destacadas marcas.

casou en Barcelona cunha galega que sentía grandes desexos de volver «á terra». Iso foi no ano 1971. «Algún día imos volver», díxolle varias veces. Pero antes diso colleu un bar que se chamaba Versalles, porque ese era noméelle dun cine teatro que tiña á beira. Alí investiu, recorda, case dous millóns de pesetas en reformalo, «pero quedou impecable».

No 80 volveu a Becerreá coa súa esposa. Montou un restaurante na zona que logo traspasou por cinco millóns. Despois abriu outro que acabou vendendo.

Coñece toda a nosa oferta de newsletters

Creamos para ti unha selección de contidos para que os recibas comodamente no teu correo electrónico. Descobre o noso novo servizo.

Votación
3 votos
Comentarios

Trinta e oito anos de Tarradellas na «república» do Cereixal