O instituto de Becerreá protesta de novo contra os recortes educativos

LA VOZ LUGO

BECERREÁ

CEDIDA

As familias manifestáronse por un bacharel «digno» nos Ancares

24 novs 2021 . Actualizado ás 20:54 h.

Veciños e familias de Becerreá manifestáronse este mércores fronte ao instituto da localidade para reclamar un «bacharelato digno» nos Ancares. É a segunda vez en apenas un mes que os pais se botan á rúa para protestar polos recortes educativos, xa que a Consellería de Educación decidiu retirar a oferta da materia de Francés.

Os manifestantes reclamaron un «ensino rural sen límite de grupos», xa que a Consellería suprimiu materias que ata agora se impartían con menos de cinco alumnos, como é o Francés nos cursos de 3º e 4º e nos dous grupos de bacharel, «pese a ser unha materia da que o alumnado se pode examinar na ABAU (Selectividade) e que ten a máxima ponderación posible nesa proba de acceso aos estudos de grao: 0,2», explicaron.

A supresión de servizos educativos no rural e o progresivo despoboamento da montaña poñen en xaque a conservación do bacharel no IES de Becerreá, como teme o ANPA, o que provocaría que os alumnos deste municipio tivesen que desprazarse aos centros doutros concellos.