Luces e sombras

María López Sández
María Sández TRIBUNA

BECERREÁ

ALBERTO LÓPEZ

20 mares 2019 . Actualizado ás 08:45 h.

Estes días chamaron a miña atención, convivindo nas mesmas páxinas, dúas novas de signo contrario. Por unha banda, as encomiables obras levadas a cabo no edificio do Vello Cárcere, do que xa temos falado noutro artigo, que optan ao premio á mellor rehabilitación de Galicia. Por outro lado, a poucos quilómetros de distancia, na parroquia de Fontarón, no Chao do Marco, a aparición dunha necrópole megalítica, a maior e a primeira destas características catalogada na área de Becerreá, sepultada en esterco de polo.

Ambos son, non cabe dúbida, espazos da memoria, dese pasado noso sobre o que, inevitablemente, cómpre construírmos o que somos e o que queremos ser. Os dous evocan sufrimento, un de índole máis política e continxente e outro máis existencial e inevitable. Mais o que os afasta radicalmente é o que, como colectivo, fixemos con eles; e esta dualidade expresa, sen dúbida, o mellor e o peor do que somos como individuos e como sociedade. Transformamos un lugar de represión nun centro cultural para a memoria histórica; reconquistamos, para a cidade, un espazo emblemático, substituíndo a dor e o silencio pola apertura á cidadanía e a cultura... E soterramos, en esterco, o legado dos nosos devanceiros...

Neste xogo de luces e sombras, nesta disxuntiva entre a conciencia e a dignidade ou a ignorancia e o cheiro a esterco, perfílanse dous camiños ben diferenciados e cabe preguntarse se é casualidade que este desleixo fedorento se produza no noso rural. Ese que estamos abandonando de todos os xeitos posibles, desde os máis literais aos máis sutís e traizoeiros. Porque sería bo non esquecermos que estes xogos de contrarios conforman o taboleiro de xadrez no que se xogará a partida do noso futuro: luces e sombras, rural e cidade, dignidade e desleixo.