Así será o Parque Central de Galicia: un lugar de lecer en plena natureza

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

ANTAS DE ULLA

A Deputación de Lugo prepara un punto de atracción turística no centro xeográfico galego, en Antas de Ulla

18 abr 2021 . Actualizado ás 11:44 h.

Un novo parque en pleno centro de Galicia. Non se trata dun espazo nunha das principais cidades da comunidade senón nun municipio, Antas de Ulla, que apenas roza os 2.000 habitantes (1.940, segundo datos do Instituto Galego de Estatística correspondentes ao Instituto Nacional de Estatística). Pero será máis céntrico que calquera outro porque estará situado nin máis nin menos que no lugar recoñecido como centro xeográfico de Galicia, na parroquia de San Fiz Amarante.

De feito, no terreo que ocupará o parque (uns 45.000 metros cadrados, cuxa compra aos distintos propietarios de leiras promoveu a Deputación) levantarase un monólito, que estará colocado exactamente nas coordenadas 7º 54' 38,99” W 42º 45' 25,15 N. Esa é a posición exacta do punto medio da superficie da comunidade autónoma galega, chamado a ser agora un punto de referencia no lecer ao aire libre.

O que se agarda do proxecto é a capacidade de converter o centro xeográfico nun imán. As posibilidades turísticas da zona foron reiteradamente citadas este sábado polo presidente da Deputación, José Tomei, no discurso que pronunciou na presentación do proxecto, celebrada en Antas de Ulla. Por unha banda, a riqueza natural foi eloxiada como o eixo sobre o que apoiará a divulgación dese espazo: nese sentido, Tomei afirmou que os visitantes poderían coñecer unha carballeira espectacular. Por outro, crearanse edificios e infraestruturas para que o parque sexa explicado e para que os que cheguen a ese lugar dispoñan de servizos: un centro de interpretación, un aparcadoiro, un parque infantil e mobiliario de madeira son elementos que farán que a estancia no lugar sexa máis proveitosa e máis agradable.

Con todo iso, dixo Tomei, o lugar pasará a ser «singular e emblemático» para Antas de Ulla e para a comarca da Ulloa.

Un proxecto concibido como «unha clara aposta polo reequilibrio territorial»

Se o futuro parque está chamado a ser un lugar de interese para xentes doutras zonas de Galicia, para quen viven no municipio de Antas de Ulla e noutros próximos tamén hai motivos de curiosidade e de expectativas favorables. Así, confíase, manifestou Tomei, en que o parque potencie o turismo, o que suporá un revulsivo económico e a creación de postos de traballo. O proxecto está concibido como «unha clara aposta polo reequilibrio territorial», afirmou o presidente da Deputación. Ao acto asistiron representantes de municipios da zona e deputados provinciais. Tomei recoñeceu que o empeño de Pilar García Porto, integrante do goberno provincial e concelleira en Antas de Ulla, fora decisivo para a posta en marcha deste proxecto.