O soño dunha xeración en loita para recuperar a súa antiga escola

manuel fernández A Fonsagrada / LA VOZ

A Fonsagrada

FOTO MANUEL

Unha convocatoria realizada a través das redes sociais conseguiu reunir aos exalumnos de Freixeiro

16 ago 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O pasado venres 9 de agosto celebrouse no restaurante «A Roxoa» da Tumbiadoira, A Fonsagrada, a «primeira xuntanza do colexio de Freixeiro», unha reunión de exalumnos da antiga escola da aldea. Ideada en agosto de 2015 por catro dos exalumnos, a morte dalgúns dos seus compañeiros precipitou en 2019 a convocatoria, realizada a través das redes sociais despois dun gran traballo para conseguir o contacto de todos.

A escola de Freixeiro foi construída polos veciños de Freixeiro e aldeas veciñas en 1969 como resposta á distancia de colexios -os máis próximos eran os das aldeas de Vilabol de Abaixo, A Fonsagrada e o de Figueira, Navia de Suarna -. Os terreos escollidos destacaban por ser cálidos e asollados. Cada un deles, desde a súa experiencia no mundo da carpintería e albanelería, achegaron esforzo e materiais: instaláronse madeiras para teitos, colocáronse os ladrillos e as fiestras, fixéronse as paredes de pedra...

FOTO MANUEL

Antes da súa posta en marcha, a escola situouse provisionalmente na planta superior da «casa do Xastre» da Tumbiadoira, un edificio onde Enrique e Filomena, dous veciños da zona, dispuñan dunha sastrería equipada con máquinas de coser -para a confección de chaquetas e pantalóns de campá- na mesma planta que a escola e, na planta baixa, unha cantina onde se podía comprar todo tipo de produtos: camisas, un quilogramo de azucre, unha libra de chocolate, un caramelo con pau ou un «cuartillo» de viño.

FOTO MANUEL

Unha vez os veciños finalizaron a construción da escola de Freixeiro, iniciaron as clases para as nenas e nenos das aldeas de Freixeiro, A Tumbiadoira, Caboxo, Coto de Xunqueira e Xunqueira. A escola dispuña dunha zona de recreo segregada por xéneros. Tamén dispuña dos métodos educativos habituais: algúns exalumnos comentan que a profesora tiña como método de castigo obrigar aos alumnos a copiar frases como: «Nunca máis volverei meterme con ninguén» 1.200 veces -non cumprir ese número implicaba repetir a tarefa-.

O colexio mantívose en funcionamento ata xuño de 1984, como consecuencia do forte despoboamento que sufriron as comarcas da Fonsagrada e Os Ancares durante os anos 80.

O edificio, de propiedade pública, atópase na actualidade abandonado. O éxito da xornada, vivida no medio de entusiasmo e alegría e que mesmo animou a un exalumno a viaxar en avión desde Barcelona para poder asistir, traduciuse na convocatoria dunha segunda «xuntanza» para o seguinte ano e nunha posible restauración do edificio por parte dos exalumnos. Ademais, algúns membros xa comezaron a cortar a maleza que rodea o edificio.