Lugo rendeu nesta semana unha merecida homenaxe ao que foi o último gobernador civil da República na provincia, Ramón García Núñez, do que teño uns patéticos recordos orais a través da miña familia, que entón residía no Goberno Civil, xa que o meu avó era alí funcionario.
Recordo á miña avoa contándome a detención do gobernador: uns falanxistas armados entraron a buscalo; ao tratar o seu sogro de oporse a iso, que se presentou como coronel da Lexión, foi empurrado polos rebeldes contra unha parede. A continuación colleron ao gobernador civil, ao que, segundo a miña avoa, non lle deixaron pór a camisa nin subirse os tirantes do pantalón para levarllo a empuxóns e finalizar a tropelía, como sabemos, co seu fusilamento ante un muro do cemiterio, tras un xuízo que foi unha farsa.
Como digo, merecido homenaxe a Ramón García Núñez, último gobernador republicano en Lugo, mágoa que non se programase con máis tempo e unha maior información aos cidadáns para que non se limitase a un pequeno grupo de persoas.
E agora chega a miña pregunta: Cando se vai a homenaxear en Lugo aos membros da resistencia que mantiveron a súa loita nos montes contra a ditadura franquista unha vez finalizada a guerra, ou sexa, os guerrilleiros chamados tamén maquis? É certo que Enriqueta Otero ten o seu merecemento urbano; que José Castro, ou Piloto, ten a súa sepultura con honras no seu momento na parroquia chantadina de Sabadelle; pero quizá sería interesante ofrecer un monumento que lembre simplemente aos máis de cen loitadores que morreron en enfrontamentos ou foron capturados e fusilados na provincia.
Os diferentes gobernos lucenses, Deputación e Concello, han esquecemento á guerrilla, coma se non existiría. Bo sería facer algo de memoria.