Liberdade

Emilio R. Pérez

LUGO

21 oct 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Suxeríronme días atrás que me buscase unha persoa, unha alma que enchese ese baleiro e que me fixese compaña, que esta etapa da vida en soidade é cruel e debería compartila. Certo. A vida é unha fogueira, unha chama que se extingue, e esta fase decadente é a etapa das brasas, a que precede ás cinzas. Chega logo o vento e lévallas. Iso é vida. Así de simple. Seica haxa outra vida incandescente dentro, outra vida prisioneira incombustible que é a vida que lle infunde á de fóra sentimentos. Como soidade ou liberdade.

Soledad . Ía asignarlle o titular a esta columna, mais desistín: dúas columnas levo xa con ese título e optei ao final polo que está. Talvez un antónimo perverso, talvez un recurso truculento para ver desde outro prisma a cuestión. Sexa como for, talvez enganado, a miña chama así o capta e así o vexo eu. Buscarme a estas alturas eu parella? Como que non. A flor na primavera, no outono a castaña, Nadal no inverno e no verán praia. Sabia Natureza, si señor, que marca pauta. Pois a idade igual. Non, non me vexo mutando a tortolito en período crepuscular; non me vexo facendo manitas, tonteando cunha paisana, dando románticos paseos á tardiña pola muralla. Porque o baleiro non se enche. Que vai. Unha cousa é unha grata compaña e outra moi distinta é o volverse a namorar. Un recurso edulcorado, é iso, un desexo de acougar a esa outra chama. Non hai que facerlle. Namorarse é entregarlle o corazón a outra persoa, tómao prisioneiro e nin morrendo vólvecho a liberar. É por iso que aínda que só, e coa diminución esa en o peito, na miña fiestra aquí no alto eu non clamo liberdade. Xa a teño… De momento.