Memoria e presente

Miguel García LUGO / LA VOZ

LUGO

LOF

17 oct 2021 . Actualizado ás 22:48 h.

Para os máis novos ou moi novos, a asociación Burgos e fútbol seguro que non lles provoca moitas emocións, nin recordos, é máis nin sequera facendo un esforzo na súa memoria lograrán pór algunha imaxe futboleira nesa histórica cidade.

O Plantío, o seu mítico estadio, tampouco lles dirá absolutamente nada. Frío no outono, frío no inverno, frío na primavera. Sol otoñal, barro nas porterías, camiseta branca e pantalón negro. Carrusel deportivo desde o Plantío. Despois de non poucos intentos, de varias reconversións con descensos administrativos incluídos, volve o fútbol profesional a esta cidade castelá. Un exemplo máis que notable para calibrar o que vemos en Lugo cada quince días. Unha demostración do complicado que é chegar e manterse. Unha proba de que a estabilidade gaña partidos, o equilibrio xera consistencia.

O equipo burgalés non dá tregua, xoga co coitelo entre os dentes, cada balón víveno coma se fose o último, porque teñen memoria, saben de onde veñen e o que lles custou chegar, así que viven o presente coma se fóselles a vida niso. Viven ao límite, xogan ao límite. Así o entenderon os dous equipos na primeira parte, loita sen cuartel, desmelenados ambos cun ritmo frenético e sempre cara arriba, buscando portería adversaria, sen tempo ao repouso, á calma, ao acougo. Xogaron os dous equipos coma se tivesen présa por gañar o partido e o descanso sorprendeulles cunhas táboas premonitorias.

A segunda parte non tivo moita historia, máis loita, máis faltas, máis malgaste e moita pelexa. Perdas constantes e as consecuentes recuperacións incesantes polos dous lados. Os branquivermellos foron o que acostuman ser, o mellor é facer o que tes por hábito.

O fin xustifica os medios e estes son tan honorables como outros, e se o Burgos ten memoria, o obxectivo do Lugo é non perdela, non esquecer nunca de onde vés, o que custa manterse e o calentito que se está no fútbol profesional.