Pedrafita do Cebreiro xa goza da súa residencia de maiores

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomei, inaugura un dotación na que o organismo provincial investiu máis de dous millóns

04 jun 2021 . Actualizado ás 18:22 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomei, xunto ao alcalde de Pedrafita do Cebreiro, José Luis Raposo, inaugurou este venres o Centro de Atención a Maiores Manuel Villasol, que a institución provincial, en colaboración co Concello, creou no centro da vila, xunto á Casa Consistorial. No acto participaron tamén deputados provinciais, concelleiros da corporación, veciños e familiares dos primeiros usuarios. 

José Tomei destacou que a posta en marcha desta dotación social «cumpre cunha reivindicación histórica do Concello e dos veciños e veciñas de Pedrafita do Cebreiro. Abrindo esta residencia, dende a Deputación de Lugo, coa colaboración do Concello, poñemos a disposición da veciñanza deste municipio un novo servizo público. Ofrecemos unha dotación de calidade ás persoas maiores, moi esperada e demandada, que marcará un antes e un despois na vida deste concello porque cumprirá dúas funcións moi importantes, unha social e outra económica».

O centro de maiores conta con 30 prazas de residencia e 20 de centro de día, «o que permitirá que as persoas que necesiten coidados e que queiran quedarse ou volver a vivir en Pedrafita poidan facelo, sen ter que marcharse fóra. Poderán manter o arraigo e quedarse no lugar no que pasaron toda a vida, xunto ás súas familias, amigos e veciños. Isto é calidade de vida e benestar», valorou o presidente da Deputación. 

En canto ao impulso económico que supón a apertura do centro, Tomei sinalou que se crean 25 postos de traballo directos, aos que hai que sumar os indirectos «e o efecto multiplicador da súa actividad, xa que por exemplo na cociña utilizaranse produtos de proximidade para favorecer unha alimentación de calidade e, ó mesmo tempo, axudar á economía local». 

O investimento superou os dous millóns de euros

O presidente puxo en valor a capacidade da Deputación para cumprir co seu compromiso de abrir na primavera a residencia de Pedrafita, así como o esforzo investidor da institución, que achegou uns dous millóns de euros para a construción, equipamento e manteamiento durante o primeiro ano, que se suman aos 500.000 euros achegados polo Concello. 

O presidente provincial lembrou que unha das prioridades que marcou desde o inicio do mandato foi «cumprir cos compromisos adquiridos cos concellos e cos veciños en canto a residencias. Por iso, démoslle un empuxón importante ós proxectos que estaban en marcha». O centro de Pedrafita, dixo Tomei, é o terceiro que abre desde o 2019, despois dos de de A Fonsagrada e Castroverde, e está en previsión de pór en funcionamento os de Meira e Navia de Suarna neste 2021.

O mandatario provincial agradeceu «o traballo e a implicación de todas as persoas que fixeron posible que a residencia de Pedrafita sexa unha realidade, empezando polo alcalde, que ten demostrado cada día dos 35 anos que leva á fronte do Concello o seu absoluto compromiso de servicio cos veciños e veciñas, e que hoxe ve cumprido un dos seus soños».  Tomei destacou o traballo de todo o equipo político e técnico da Deputación de Lugo e do Concello, así como dos presidentes socialistas que o precederon no cargo.

 Atención e funcionamento do novo centro

José Tomei quixo pór en valor o modelo de residencias da Deputación, «público, de calidade, de pequenos centros, con atención personalizada, con practicamente un coidador por usuario, que mantén o arraigo dos maiores no seu entorno, que crea emprego no rural e que, polo tanto, axuda a fixar poboación. Un modelo centrado nas persoas, non no negocio, ó que se incorpora Pedrafita e que tan bos resultados está dando nos centros da nosa rede que a día de hoxe xa están funcionando, en Trabada, Pol, Ribadeo, A Fonsagrada e Castroverde».

Este modelo, en cooperación cos concellos onde se asintan os centro, dá prioridade no acceso ás prazas aos veciños do municipio, logo aos dos concellos limítrofes ou da comarca, e despois o proceso ábrese  para lucenses en xeral. «Ademais, o ente provincial garante que todos os veciños e veciñas, independentemente da súa situación económica, poden acceder a estas prazas, posto que os usuarios pagan en función da súa capacidade económica».

Este venres, os usuarios e usuarias da residencia de Pedrafita coñeceron as instalacións e comezarán a próxima semana cos preingresos para comezar xa con pleno funcionamento o día 15 de xuño. 

A residencia e o centro de día público Manuel Villasol sitúase nun espazo ocupado por unha antiga edificación que o Concello cedeu ao organismo provincial. Conta cunha superficie útil de 1.731 metros cadrados divididos en tres plantas.

No soto están situados os servizos de lavandería, caldeiras ou os vestiarios dos traballadores. Na planta baixa, estarán os espazos comúns, como a sala de rehabilitación, a enfermería, o salón de actos ou a sala polivalente. Na planta media, sitúase a cociña e o comedor, así como varios cuartos. Na terceira áchase o resto de cuartos e baños.

Manuel Villasol, tenente de alcalde 30 anos e usuario

O nome da residencia foi aprobado no pleno do Concello. Manuel Villasol é unha personalidade moi coñecida e recocida no Concello. Exerceu a política municipal durante case trinta anos como tenente de Alcalde, apostando forte polo municipalismo e pola defensa do rural, traballando durante toda a vida por e para o seu municipio. Villasol, aos seus 90 anos, será unha das primeiras persoas en ingresar no novo centro de maiores da Deputación.