O limbo das vacinas

antón grande

LUGO

18 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Non se se segue existindo o limbo entre as crenzas da igrexa católica, o que si parece é que co tema das vacinas, Sanidade creou o limbo, non dos xustos senón dos marxinados pola súa idade nun tramo que comprende cinco gloriosos anos.

Os responsables sanitarios repartiron a orde de vacinacións de acordo con certo período das nosas idades, con todo os que estamos no tramo entre os 65 e os 70 anos quedamos aí, sen ninguén que nos bote unha man ou nos poña unha inxección aínda que para rematar a xogada, e ante as protestas, respondéronnos con que se nos porá a famosa AstraZeneca, esa que provocou algúns trombos entre os que a recibiron, o que implica certa contención. De feito teño algún amigo que xa me confirmou que esa vacina non lla porá, polo si ou polo non.

Hai uns días, nas páxinas deste diario, o xornalista Luis Pousa largaba un artigo cargado de ironía e que se está facendo viral e moi comentado en todo tipo de círculos sociais.

Luis Pousa lembraba no artigo as peripecias que pasaban os da súa xeración, entre os que me atopo, cando na nosa mocidade tomabamos xenebras, ron ou outras bebidas espirituosas que, completamente adulteradas, supuñan unha metralla para nosos por entón novos corpos, dispostos a todo con tal de permanecer ata o peche dos bares ou discotecas.

Fomos dunha xeración que non nos envenenamos de milagre porque os nosos corpos rollizos aclimatábanse a calquera inmundicia etílica. Talvez por iso estamos así de fortes a pesar da nosa idade, inmunizados ante todo tipo de sabores a lejía ou a colonia barata.

Non se cando me chegará a chamada de teléfono para vacinarme, algúns din que ata xuño non se vai a producir, pero cando chegue o momento, se me preguntan que vacina quero, se a de Pfizer, a de Moderna, a de AstraZéneca ou a de Sputnik, eu tamén responderei como o meu colega Luis Pousa: «Póñame do que haxa, pero que sexa en vaso de tubo e cun par de cubitos de xeo».