Hai 30 anos, saltaban as alarmas polo estado das pallozas dos Ancares

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Las pallozas son uno de los elementos más simbólicos de la comarca de Os Ancares
As pallozas son un dos elementos máis simbólicos da comarca dos Ancares ALBERTO LÓPEZ

Unha publicación do Consello da Cultura Galega alertaba da súa deterioración

09 abr 2021 . Actualizado ás 11:35 h.

As pallozas dos Ancares forman un patrimonio histórico singular na arquitectura galega. Esa consideración pode explicar a atención que reciben de arquitectos en particular e de estudiosos en xeral, interesados na súa historia pero tamén na súa conservación. Así ocorría hai 30 anos, cando saltaban algunhas alarmas polo seu estado de conservación e pola formulación de propostas de reparación.

Que un organismo como o Consello da Cultura Galega se ocupase das pallozas nunha publicación reflexa que o interese por esas construcións chegaba moito máis alá da comarca ancaresa e dos seus veciños. O volume destacaba que o abandono afectaba especialmente aos teitos, construídos con palla, e que os muros, levantados con pedras, presentaban mellor aspecto.

En agosto de 1991, catro meses despois de divulgarse o traballo do citado consello, anunciouse a realización de traballos de rehabilitación en pallozas de Piornedo (Cervantes) e a construción dunha casa para unha familia que aínda vivía nunha desas contrucciones. Os noventa foron anos de actuacións importantes na montaña oriental de Lugo, posto que a finais se esa década anunciouse un plan, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e o Solo (IGVS), para mellorar 16 pallozas e seis hórreos cun orzamento de 200 millóns de pesetas.

Os plans estiveron acompañados dunha polémica ás veces estrondosa. En abril do 2001, durante unha visita a Cervantes, o conselleiro Xosé Cuíña expresou abertamente a súa desconformidade cos traballos. Tanto foi o seu malestar en cuestións como a utilización dalgúns materiais -o emprego de morteiro monocapa, por exemplo- que durante a visita anunciou que se deixaría de contar con Pedro de Llano , encargado do proxecto, para máis actuacións. Pedro de Llano era autor de publicacións sobre a arquitectura dos Ancares, que explicara en foros e en cursos durante a década dos oitenta. Nesa década, coa Xunta autonómica dando os primeiros pasos, xa se prestou atención ás pallozas.

Pedro de Llano foi substituído polo arquitecto Javier Suances, aínda que os ánimos seguiron tensos. A elaboración dun plan de protección para esas construcións, elaborado pola Xunta, atopouse coa oposición do Concello de Cervantes e de veciños da zona, polo que o documento quedou aparcado.

Os traballos que se han ir facendo desde entón son os de mellora de cubertas, aínda que os comentaron algunha vez que a palla de centeo necesaria para os traballos ten que comprarse en León, posto que nos Ancares xa non se cultiva ese cereal. Os veciños expresaron algunha vez a necesidade dun programa anual de mantemento. Mentres tanto, a zona ha ir gañando peso como destino de excursións e foi incluída nalgunha etapa da Volta a España.

COA túa SUBSCRICIÓN PODES ACCEDER A Todas As NOTICIAS PUBLICADAS EN LA VOZ DE GALICIA, DESDE 1882 ATA HOXE, BUSCANDO POR PALABRA CRAVE