A reserva etnográfica dos Ancares esmorece

María Guntín
María Guntín OS ANCARES / LA VOZ

LUGO

O tempo, a desatención e o abandono fan que as xoias da comarca se desgasten co paso dos anos

27 feb 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

«Antes, cada casa tiña cadansúa uriceira no souto. Buscábase o sitio máis fondo da finca e ás veces, os burros eran os encargados de baixar os cestos. Durante dous meses, os ourizos permanecían gardados, tapados con silvas e toxos para evitar así que entraran os animais salvaxes», explica Toño Núñez subindo cara a Coro, ladeira arriba, por unha estrada dos Ancares. Este naviego conta tamén que daquela, as feiras eran moi importantes en toda esta zona de montaña: «A xente ía con varas de catro ou cinco metros ao lombo á feira de Navia. E saían de sitios como Rao ou Balouta. Antes, toda a madeira tiña a súa función», engade. Hai anos, as feiras eran o segundo domingo de cada mes e tamén se celebraban os días 29. Á de Navia chegaba xente dende O Bierzo e había asistentes que camiñaban 50 kilómetros, o que se traduce nun día de camiño, para poder ofrecer os seus produtos e, ao mesmo tempo, sacarlles algo de rendibilidade. «Había quen facía o camín con 20 ou 30 vacas», lembra Toño. Ademais, era frecuente que as casas tiveran cantina e o último grolo trala feira, xa co material recollido para retornar a casa, chamábase ‘arrincadeira’. Pero como ben é sabido, a última sempre se converte en penúltima. Era entón cando comezaban os cantos, pero tamén as liortas que, en moitas ocasións, acababan a coiteladas.

Os Ancares é tamén unha reserva etnográfica, pero a realidade indica que a maior parte das uriceiras están derruídas e apenas se pode intuír o que en días foron, por poñer un exemplo que se pode trasladar ao que lle acontece a moitas outras xoias que descansan nestas montañas.

Recorda tamén Toño, que nos guía por esta andaina, que cando era novo traballaba limpando as cunetas das difíciles estradas dos Ancares e lembra tamén que cando foi estudar a Lugo, «o autobús tardaba tres horas en chegar á capital dende A Proba».

A meirande parte de pazos desta comarca eran de talante humilde e pertencían a pequenos fidalgos. Agora, estas alfaias arquitectónicas están en mans dos herdeiros aínda que moitas, consérvanse de xeito precario e están moi deteriorados.

Os curtíns son tamén un elemento característico da montaña lucense. O de Robledo de Rao está a pé de estrada e, aínda que non se pode entrar nel, permite camiñar ao seu carón para entender, en certo modo, cal era o seu uso: son construcións de pedra con forma ovalada cuxa finalidade era protexer as colmeas dos osos e do vento. A venda de mel e cera proporcionaba aos lugareños unha pequena axuda económica. Nos últimos anos produciuse un tímido rexurdimento da apicultura nos Ancares, xa que aquí o clima e a vexetación invitan a facer unha actividade que permite aproveitar os recursos da zona, contribuír á conservación do terreo e, ao mesmo tempo, sacarlle algo de proveito .

Igrexa convertida en garaxe

Os proxectos para recuperar Os Ancares sucédense dende hai anos, pero poucos dan froitos. Hai xa 20 anos, a Xunta aprobou unha inversión de 70 millóns para restaurar a aldea de Coro, que ten un dos mellores conxuntos etnográficos de toda Galicia. Daquela, a igrexa construída no 1804 foi reconvertida en garaxe xa que o dono decidiu que precisaba meter alí o seu coche. Ademais, sacoulle ata o campanario.

Dúas décadas despois, ao chegar a Coro o primeiro que se aprecian son os carrís que, explica Toño, son as cancelas típicas da zona, feitas con madeira entrecruzada. Aquí, as casas teñen unha balconada característica e ás colmeas chámanlles trobos. Dende a Casa de Morodo contan que pola semana apenas hai visitantes e que xa non quedan pallozas. «Cando era nena aquí eramos 30 veciños, pero agora só quedamos xubilados», di unha das veciñas. Manuel, dese mesmo lugar, comenta cas madroñas nos pés —son zapatos quentes, feitos de madeira— que só hai catro vivendas que estean habitadas e que a rehabilitación prometida pola Xunta desenvolveuse nunha primeira fase hai máis de 20 anos: «Amañaron os camiños, que xa estaban de cemento, pero non levantaron o que había por baixo, polo que non quedaron moi ben», explica.

Hai quen pensa que Coro ardeu por completo e que ese foi o motivo polo que a Xunta decidiu facer unha aldea modelo que nunca chegou a ser tal. Isto explicaría por que as casas son uniformes, pero o verdadeiro motivo, conta Manuel, é que antes había un carpinteiro cuxa familia vivía nas poucas vivendas que estaban habitadas. El foi o encargado de renovar as construcións de pouco en pouco e decidiu darlles a todas un aspecto similar.

Nesta aldea queda unha lareira, varias artesas e huchas. «Entón, a vida social conformábase arredor da lareira», explica Manuel dende a porta da súa casa. Neste lugar dos Ancares chegou a vivir moita xente pero agora, no día a día, os camiños están desertos. É máis, os poucos que transitan por aquí son cans, que dan a benvida aos escasos visitantes que saben da existencia da aldea e que, dalgún xeito, valoran un patrimonio que podería estar moito máis explotado con algo de inversión e cariño. Por poñer un exemplo, un dos hórreos desta aldea ten os pés de cemento, xa que os propietarios viron como podrecía a base de madeira e decidiron que o cemento era unha solución máis duradeira e barata, que ademais non require de mantemento.

A comarca dos Ancares é única en Europa. Trátase dun espazo de montaña no que aínda sobreviven moitos elementos que permiten entender historia aínda pouco coñecida desta zona. Os elementos que permiten apreciar un legado de miles de anos están en mal estado, deteriorados ou, directamente, derruídos. A xente que vive nas aldeas non pode facer fronte ao gasto que supón, por exemplo, teitar unha palloza e pide que sexan as administracións as que se fagan cargo de conservar un patrimonio de valor incalculable.

Pero o deterioro dos elementos etnográficos ten moito que ver co despoboamento: moitas casas fican pechadas dende hai anos, os herdeiros viven lonxe de Galicia e, en múltiples ocasións, os inmobles pertencen a varias persoas que nunca chegan a poñerse de acordo para conservar as xoias que teñen entre as mans. Outras veces, abrir a posibilidade de arranxar unha casa co custe que supón é algo inviable para aquelas persoas que, estando lonxe, saben que nunca máis retornarán a vivir á súa terra natal.

O abandono das aldeas e o éxodo cara ás cidades pon amais da mesa se estamos a falar dun problema de despoboamento ou máis ben, de desatención. Polo momento, hai quen prevé que Os Ancares se converta nunha comarca fantasma dentro duns anos. Outros, máis optimistas, cren que un territorio tan rico non pode ficar esquecido. Polo momento, a dúbida xira en torno á cuestión de se hai solucións a curto prazo que amosen un pequeno horizonte para un lugar no que os últimos habitantes se fan cada vez máis maiores.

O escritor que soña con Navia

«Entre tesos illada,

nun rincón de Galicia,

expira un pobo esquecido

que morre pola inxusticia

sen ilusiois de ser redimido

da ameaza que ol acubilla:

da ameaza do ‘Gran Suarna’»

Falando dun encoro que frearon as protestas veciñais comeza o primeiro poema que escribiu Toño Núñez (Navia de Suarna, 1959) cando tiña 15 ou 16 anos. Pero co paso do tempo, este escritor escribiu moito máis sobre a súa comarca natal. De Navia ó ceo é o título que escolleu para un dos seus últimos traballos, que fixo para a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega. Toño fai aquí unha recompilación de aspectos históricos, patrimoniais, etnográficos, paisaxísticos e literarios do seu concello. A razón do título está na súa historia persoal, e ten moito de poético. «O binomio Vilameixide e Navia forma parte da miña esencia como persoa e, ademais, foi, e segue a ser, o meu gran filón literario», explica Núñez.

O sentimento cara a súa vila foi o que fixo que promovese unha asociación veciñal para loitar por Navia, «porque o rural está tocando fondo, mesmo corre perigo de extinción, especialmente nas zonas illadas e de montaña».

A Asociación Veciñal Irmandade Naviega pretende xerar autoestima e dignidade, explica Toño, que tamén precisa que no concello de Navia «segue habendo sitio para persoas e familias que queiran aproveitar os recursos naturais». Recorda o escritor que o val do Navia estivo engalanado de viñas ata hai uns 40 ou 50 anos e que a zona da pé á actividade gandeira, ao sector da madeira, castañas, mel...

Pero dende a asociación, son moitas as voces que reivindican o potencial turístico que ten o corazón dos Ancares: «Debe ser un recurso que dinamice a economía do concello sabendo aproveitalo intelixente e racionalmente. Irmandade Naviega naceu para poñer en valor eses nosos recursos e para axudar a tomar conciencia das potencialidades. É dicir, queremos loitar polo noso».

A cada casa, o seu nome

Navia conta con numerosas xoias no seu casco urbano. Destacan a ponte e o castelo medievais, así como os balcóns, galerías e corredores de moitas das vivendas. Ademais, lembra Toño, dende hai un tempo as casas locen nas fachadas algo moi singular e moi dos Ancares: o seu nome feito arte. «Esta tendencia comezou co artista André Navia e agora, continúa con Pavel e Alisa. A idea segue medrando e os dous artistas rusos continúan colocando as súas pezas de ferro polas distintas rúas de A Proba.

Toño recorda tamén que o río cruza o núcleo urbano da vila, «a pesares de non posuír a riqueza troiteira e calidade doutros tempos, segue a ser un dos máis fermosos de Galicia», precisa.

O Concello de Navia móvese entre altitudes que van dos 350 aos 1.650 metros, con lugares que aínda están por descubrir. Hai castros por explorar, pero tamén mámoas, covas, penas, vales, montes e soutos. Así de convencido fala o escritor naviego, que tamén pon peros. «Faltan cousas, servizos propios do século XXI para as aldeas do concello, dándolle prioridade á asistencia sanitaria, á educación... Na vila, falta aproveitar o castelo para uso e aproveitamento público, debemos recuperar un paseo fluvial que parta de Barcia e que permita facer vida a carón do río.», engade.

En Navia non hai locais sociais que promovan reunións veciñais, «onde mellor estaría a casa do Concello que no propio castelo, e non amais dunha canle fluvial como acontece agora mesmo?», explica Toño Núñez, que tamén cre que o monumento podería acoller o Museo Etnográfico dos Ancares, unha biblioteca pública ou un salón de eventos.

Sobre o pasado da comarca, Toño recorda a emigración que tanto castigou a este concello, pero fala tamén de esperanza xa que co paso do tempo, vai aparecendo xente nova que está convencida de facer vida no rural e que emprende proxectos de largo percorrido. «Eu véxoo claro: hai futuro no rural; e hai futuro tamén, en Navia», remata convencido este namorado da súa terra ancaresa.