Andrés García: «Unha agricultura respectuosa co medio ambiente pode ser rendible»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

Andrés García, investigador da Escola Politécnica de Lugo
Andrés García, investigador dá Escola Politécnica de Lugo Óscar Cela

O investigador da Escola Politécnica salienta que o camiño da produción agrícola debe ser o da agroecoloxía

25 ene 2021 . Actualizado ás 13:42 h.

Andrés García (Burela, 1977) traballa no Laboratorio do Territorio da Escola Politécnica Superior, que do martes 26 ao xoves 28 organiza un foro sobre a infraestrutura verde e a adaptación do territorio ao cambio climático. As xornadas desenvolveranse, de xeito telemático, dentro do programa Inverclima, que promove a Universidade de Santiago de Compostela co apoio da Fundación Biodiversidade. Enténdese que infraestrutura verde é un conxunto de áreas naturais ou seminaturais cuxa conservación é necesaria para loitar contra o cambio climático.

-Fálase da necesidade de ordenar o territorio. Está mal ordenado?

-Depende da persoa á que lle preguntes. É, por suposto, un tema de actualidade, porque ten moitas implicacións para a economía. De feito, cantas leis do solo levamos en Galicia? Moitas.

-Está incorporada a natureza á xestión do territorio?

-Creo que si. Xa na Unión Europea hai directrices que obrigan a tomar decisións. En Galicia, por exemplo, hai espazos incluídos en figuras de protección coma a Rede Natura: analizouse, coma en toda a Unión Europea, o impacto desas figuras, e viuse que a Rede Natura non está a ter moito éxito na conservación deses espazos. Observouse que non abondaba con ter unha estratexia conservacionista, e propuxéronse melloras. Unha delas é a infraestrutura verde, que serviría para complementar a Rede Natura, non só garantindo a conservación da biodiversidade senón tamén o funcionamento dos ecosistemas que aseguran a supervivencia de especies animais e vexetais. Aquí aparece o concepto de servizos ecosistémicos, que son os que ofrece a natureza. Unha carballeira, por exemplo, actúa como esponxa: retén auga e axuda a combater a erosión. A produción de alimentos é outro exemplo de servizo ecosistémico.

-Somos conscientes da riqueza que supoñen os nosos recursos naturais?

-A xente é consciente da riqueza que supón ter unha carballeira; polo menos, a xente coa que falo, a que ten máis acceso á información. Unha xestión intensiva é mais beneficiosa, tendo en conta que moitos dos donos de Galicia son pequenos propietarios. Un pequeno propietario non pode plantar árbores das que tirarán beneficio os seus netos. Se houbese superficies maiores, poderíanse plantar carballos, por exemplo.

-Que debo facer se planto certas árbores? Teño que esperar para cortar sen pensar en ningunha outra posibilidade?

-Hai leis que permiten unha mellor xestión forestal. As unidades de xestión forestal (uxfor) saíron para ter unha mellor xestión e unha maior superficie. Non son aínda moi populares.

-Que é o territorio, un conxunto de casas e de infraestruturas ou algo máis?

-Algo máis. O cemento en exceso trae problemas: hai erosión, problemas de contaminación, etcétera. O desenvolvismo ten as súas consecuencias prexudiciais, aínda que non se vexan a curto prazo. A natureza e a biodiversidade son un valor para a sociedade. Pensemos, por exemplo, na agricultura: pasouse dunha agricultura tradicional a unha agricultura industrializada, que depende moito de insumos (combustibles fósiles ou produtos fitosanitarios, por exemplo). Hai produtos que están a esgotarse, co cal sobe o prezo das materias primas. Temos o exemplo do leite: hai explotacións intensivas con pouca base territorial, co cal os gandeiros están agobiados,

-Debe aplicarse na agricultura unha volta ao tradicional?

-O camiño da agricultura é ir á agroecoloxía, reducir os insumos e usar os recursos locais. Se tes unha infraestrutura verde, vas ter recursos naturais, por exemplo, para loitar contra as pragas e evitas gastar diñeiro. A nova Política Agraria Común (PAC) vai ter en conta esa situación.

-Poder ser o futuro producir menos con máis calidade?

-Penso que si. Se producimos con menos recursos e en harmonía coa natureza, gastamos menos en materia prima e temos unha agricultura con máis marxe de beneficio e con máis valor engadido. Unha agricultura respectuosa co medio ambiente pode ser rendible. Unha gandaría que usa purín pode obter máis rendemento, pero ese xurro pode afectar a ríos. Unha agricultura respectuosa co medio ambiente ofrece servizos ecosistémicos a toda a sociedade.