Xurxo Souto: «Somos un pobo de artistas»

Félix Jorquera / L.L. LUGO / LA VOZ

LUGO

Xurxo Souto
Xurxo Souto ies bande

O músico e escritor presenta o sábado 16 en Outeiro de Rei o seu libro «Pangalaica. Recortes poderosos»

14 ene 2021 . Actualizado ás 13:30 h.

Xurxo Souto presenta o sábado 16 na Casa-Museo Manuel María, de Outeiro de Rei, ás 19.00 horas, Pangalaica. Recortes poderosos, un libro de pequenos relatos, recollidos e ilustrados nunha obra editada por Galaxia. Volve así á súa querida Terra Chá.

-Si, porque aínda que eu son da Coruña, síntome teoricamente chairego tamén.

-O libro recolle a actividade que realizaches durante o confinamento.

-Si, recolle a actividade neses meses duros, pero tamén dos últimos trinta anos. Das miñas viaxes por Galicia adiante nestas tres décadas, nas que me fun dando conta pouco a pouco que propoño unha visión diferente deste país, pragada de humor, de talento e de alegría.

-Sempre defines así a Galicia.

-Claro, somos un pobo de artistas, somos un pobo marabilloso, estamos rodeados de talento. Sempre se nos dá unha visión triste, que somos periferia, e non somos periferia, somos o centro do mar, empezando por aí. Pero penso que coñecemos mal o noso propio país. Eu tiven a sorte de ter un grupo de música, Os Diplomáticos de Monte Alto, para poder coñecer o país. E descubrín que somos un pobo de artistas.

-Tamén somos un pobo de escritores.

-Un dos primeiros relatos que escribín foi «O saxo de Crisanto», sobre o señor Crisanto da orquestra Novedades, de Rábade, que ma contara o propio alcalde, Kiko Fernández, hai anos. Crisanto, de pequeniño, tocaba tan ben que o chamaron para tocar o saxofón na orquestra Nova Jazz, en Betanzos. E, claro, os melómanos betanceiros dicían: «Pero ese rapaz tan pequecho, en pantalón curto, como vai tocar aí?». E el enfróntase ao pasodobre dos pasodobres, Agárrate saxo, tensión infinita, había un fa sostido complicadísimo, todo o mundo esperando que chegase ese momento a ver como a pifiaba o neno... E o rapaz deu a nota con tan bo son e tan plena, que o saxo estirouse e volveu ao seu sitio. A partir dese momento, Crisanto converteuse nun mito. Esta historia é moi coñecida en Rábade, pero é pouco probable que se coñeza na Coruña. E eu teño esa sorte de coñecer estas historias, que sempre redundan no mesmo: no noso talento, na nosa capacidade artística e na nosa capacidade para cambiar o mundo a base de emoción. Tiven a sorte de coñecer o país persoa a persoa, face a face. E nesa humildade, nesa viaxe, deime conta que estaba facendo unha cosmovisión, estaba seguindo o proxecto, e de aí a miña emoción, do propio Manuel María, nese poema que di «Aínda teño a esperanza de poder percorrer unha a unha todas as parroquias de Galiza, lugares e casais, dialogar persoa a persoa, face a face». É o que propoño, superar os tópicos simplistas e coñecérmonos todos e todas persoa a persoa, face a face.

-Este formato do microrrelado por fin está a ter recoñecemento.

-Claro, é que é unha marabilla. A veces escribimos cousas moi extensas, moi densas, e a xente non o le porque é moi espeso. En cambio, tres petiscos, chégannos rapidamente.

-O libro está tendo moito éxito, está esgotada a primeira edición.

-Si, pero é normal. E non o digo polo meu talento, senón polo de todas as persoas que aparecen.

-Como será o acto do sábado?

-Estarei acompañado por Alberte Ansede, secretario da Fundación Manuel María. O acto será solemne, porque é como unha pelegrinaxe. Manuel María, os dez últimos anos da súa vida pasounos na Coruña e eu tiven unha relación moi grande con el, persoal, foi o meu mestre. E, agora, poder achegarme á súa casa é como chegar á meta. Con Manuel María tiven a sorte de que me iniciase, fun canda el ver o regato Cepelo, as Penas de Rodas, e mexamos detrás do Concello. Realmente, todo este libro é un tributo a Manuel María.