Novos achados poderían demostrar o uso orixinal que tivo a Catedral de Lugo

Uxía Carrera Fernández
UXÍA CARREIRA LUGO / LA VOZ

LUGO

Láminas de pizarra de antiguas sepulturas en la cata donde se encontraron restos de un incendio
Láminas de lousa de antigas sepulturas na cata onde se atoparon restos dun incendio ALBERTO LÓPEZ

As catas destaparon ósos humanos, muros romanos e restos dun incendio

06 dic 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

As primeiras escavacións arqueolóxicas realizados dentro da contorna da catedral destaparon restos que poderían explicar como se orixinou o espazo de culto cristián en Lugo. Durante o mes de novembro, realizáronse tres catas no claustro da Catedral co gallo de a súa posterior rehabilitación. O resultado foi o descubrimento dunha gran necrópole existente desde o século XIII construída sobre edificios de época romana ou medieval. Ademais, atopáronse restos dun importante incendio.

Na primeira das catas, segundo o delegado de Patrimonio do obispado de Lugo, César Carneiro, destapáronse os restos máis interesantes. Trátase dun muro da época romana ben conservado e de gran importancia no seu momento. Aínda non saben que función tiña, se era unha casa privada ou de uso público, pero si confirma a súa relevancia polo xeito coidadoso na que está construído.

Onde agora se sitúa o claustro, antigamente atopábase a zona «vip» da cidade. Era a máis asollada, con vistas sobre o val e o Miño e onde se situaban as casas da xente máis importante. Este muro pode ser o antecedente que permita saber que edificios había antes da Catedral e cal foi a evolución dos mesmos. César Carneiro explica que as hipóteses actuais oscilan entre a existencia dunha basílica do século IV usada polos cristiáns; unha casa privada dun importante cidadán cristián ou un edificio novo para a construción da catedral. Máis aló das hipóteses, aínda non existe material arqueolóxico que as corrobore.

Gran necrópole

Na primeira cata, nunha capa de menos profundidade, obsérvanse restos de sepulturas soterradas unhas amais das outras, así como ósos humanos. As primeiras tumbas son do século XIII, hai tamén do XIV e as máis recentes son do século XVI. Os restos humanos atópanse enterrados en dirección oeste, o que demostra que son cristiáns. Pertencen tanto a eclesiásticos, como a persoas laicas ou, mesmo, a peregrinos que morrían facendo o Camiño. Este cemiterio tivo un uso constante por estar xunto a un espazo de culto. Os ósos serán agora analizados e posteriormente volveranse a enterrar «con dignidade». Na capa superior da escavación hai unha mestura de ósos, terra e pedra.

«Importantísimo incendio»

Noutra das catas, situada na galería norte do claustro, repítense os restos da necrópole. Aínda que neste caso se conservan mellor as sepulturas, perfectamente diferenciadas e feitas con láminas de lousa. O achado máis destacado nesta escavación é unha área duns 20 centímetros que mostra unha franxa de carbón. Isto significa que se produciu un «importantísimo incendio», segundo explica o delegado de Patrimonio. Os arqueólogos intentarán agora analizar cando tivo lugar. Para rematar, a terceira cata, na galería este, permite observar un muro de época medieval de construción «moito máis pobre». Está elaborado con terra, pedra e barro. Aquí tamén se atoparon ósos humanos, pero non se conservan sepulturas.

Os responsables de Patrimonio da catedral, cando planearon estas catas, agardaban atopar restos, incluídos os que datan da época romana pola idade bimilenaria da cidade. Pero foi unha grata sorpresa para os arqueólogos traballar cun espazo ben conservado e un terreo pouco removidou, xa que hai zonas de Lugo que foron arrasadas pola construción moderna. «É o principio de algo moi importante», resumiu César Carneiro.

«Hai potencial para unha área arqueolóxica visitable no interior e no atrio»

Tras os achados, o delegado de Patrimonio da catedral está á espera de se a Administración permite continuar cos traballos para facer unha escavación en área. A intención é seguir coas catas en todo o claustro, aproveitando a súa futura rehabilitación, xa que «é agora ou nunca». Se a Xunta non dá luz verde, teranse que volver enterrar as catas e tras a renovación do pavimento xa será imposible volver escavar.

Ademais do claustro, César explica que sería idóneo escavar tamén o espazo que hai desde a entrada principal da catedral ata a Domus do Mitreo, no atrio. E crear así unha gran área arqueolóxica visitable na zona. «Sería un recurso moi importante para Lugo», opinou, ademais dunha fonte incalculable de coñecementos sobre a evolución da catedral lucense.

Un «espazo virxe»

A área que se quere construír sería, ademais, un patrimonio cunha gran riqueza. A zona na que se sitúa a Catedral é «espazo virgen» un no que non houbo moitas transformacións ao longo do tempo, polo que se protexeron os restos arqueolóxicos de épocas anteriores, en parte grazas tamén á natureza e xeografía da propia cidade. Onde se atopa agora a catedral había un val que se foi colmatando de terra e construíndo amais . «É unha zona con moitas posibilidades a nivel arqueolóxico e no que ata agora non se fixeron catas», explica César Carneiro. Este potencial situaría ao Patrimonio da Humanidade que é a Catedral nun lugar privilexiado. Rodeado ademais doutra xoia como é a Muralla de Lugo.