Os equipos lucenses de Terceira División arrincan unha tempada chea de incerteza

André Siso Zapata
ANDRÉ S. ZAPATA LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Polvoreira e o Racing buscan dar un paso máis na categoría. O Viveiro, manterse na súa estrea

30 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

A tempada dos equipos lucenses en Terceira División non se podería albiscar máis complexa: diferentes persoais, diferentes obxectivos, diferentes aspiracións, diferentes circunstancias... E diferente competición, claro. O novo formato da liga, con dous grupos diferenciados -Norte e Sur-, provocará que todos os equipos da categoría teñan que disputar ou ben unha fase de ascenso ou ben una de descenso para finalizar a tempada.

Ademais, os tres equipos lucenses, a Polvoreira, o Racing Vilalbés e o Viveiro, están encadrados dentro do Grupo Norte, xunto aos equipos da zona da Coruña, Santiago, Ferrolterra e Costa da Morte, polo que se evitarán os desprazamentos ata Ourense e Pontevedra polo menos ata a xa mencionada postemporada. Terán que competir ante Estudantil, As Pontes, Arzúa, Bergantiños, Fabril, Fisterra, Silva, Somozas e Paiosaco.

Os tres primeiros accederán á fase de ascenso, da que sairá unha promoción por cada grupo. Os tres seguintes pasarán a unha rolda posterior, na que, tras varios cruces con equipos da zona sur, sairá o terceiro ascenso a Segunda División B. Pola parte baixa, os seis equipos restantes de cada grupo pelexarán por non descender nunha fase paralela, na que haberá oito descensos a repartir entre os doce equipos, unha circunstancia que volve tremendamente difícil manter a categoría para os clubs da zona baixa.

Os tres protagonistas

Para o novato lucense da categoría, o reto non asusta. O Viveiro, adestrado por Jesús Gómez «Chusky», aterra na categoría con ganas de aproveitar a marabillosa dinámica coa que arrasou a Preferente Norte a pasada tempada. Ata o momento, exhibiron un grandísimo nivel no que levamos de pretemporada. Senllas vitorias ante o Racing Vilalbés, por 2-1, e ante o Somozas, por 2-0, poden facer crer á afección dos celeste que esta tempada non ten porqué ser un sufrimento para o seu equipo. O triangular que xogarán ante Celta B e Oviedo B o tres de outubro pode ser o exame máis duro para os mariñáns, listos para afrontar o seguinte paso.

Na capital da Terra Chá, con todo, non se conformarán con manter a categoría: queren algo máis. O Racing Vilalbés arrinca o curso despois dun estable décimo cuarto posto a tempada pasada. Conseguiron reter ao seu máximo goleador, Cadrado, que anotou 10 goles o curso pasado, e reforzaron o persoal para buscar unha melloría inmediata esta tempada. Intentarán, tamén, repetir esa intensidade defensiva que tanto lles caracteriza, e que lles deu tantos puntos o ano pasado.

A Polvoreira, finalmente, buscará subir posicións sacándolle máis proveito á potencia de lume que demostraron a tempada pasada. Con 51 goles en 27 partidos, foron o equipo máis goleador da categoría, mesmo por diante de Compostela e Ourense. Na terceira tempada consecutiva do club en Terceira, perderon a dúas dos seus xogadores máis importantes, Álex Rey e Rayco. En palabras de Asier Santalla, o seu lateral esquerdo, «temos que cambiar a mentalidade. Agora, se perdes tres partidos seguidos, estás no pozo». A aspiración do seu equipo, polo tanto, ten que «evolucionar aos poucos», segundo el. «Primeiro, hai que escapar da zona de abaixo. O resto chegará só», comenta. O filial, aínda así, só pensa en entrar nese selecto grupo de aspirantes ao ascenso, na tempada máis atípica da historia da categoría.

«A Terceira División vai ser moi atractiva para o espectador neutral este ano»

«Todos temos as nosas aspiracións propias, está claro, pero penso que o obxectivo común vai ser o de adaptarse a unha tempada tan complicada como vai ser esta». Son palabras de Simón Lamas, o técnico do Racing Vilalbés. Para el, quen tarden menos en adaptarse a este novo fútbol serán aqueles que consigan os mellores resultados.

Deportivamente falando, cre que hai uns claros favoritos: «Bergantiños e Fabril non deberían conformarse con nada menos que os postos de ascenso. Logo hai un grupo no que poden estar o Somozas, o Polvorín... E nós. Temos que intentar pelexar nesa liga». Conclúe que os escasos 22 partidos de liga regular contribuirán a que haxa máis igualdade, algo que repercutirá, segundo el, en que «a Terceira deste ano vai ser moi atractiva para o espectador neutral, iso seguro».

Para un homólogo seu, Jesús Gómez «Chusky», adestrador do Viveiro, «verase a quen beneficia o cambio de regras ao final de tempada». Polo momento, prefire concentrarse en que o seu equipo manteña a categoría, o obxectivo principal dos mariñáns. «Fáltanos experiencia nesta liga. Imos ter que aprender a sacar puntos contra equipos que son mellores que nós», explica.

Despois de arrasar en Preferente o ano pasado —só dúas derrotas en 26 partidos—, os celestes buscarán chegar en plena forma en caso de ter que enfrontarse a un playoff de descenso. «Nas fases de postemporada, non haberá marxe de erro. Non podemos fallar», remata Gómez.