Os hostaleiros formarán a cen desempregados para a súa contratación

La Voz

LUGO

A asociación provincia, co apoio da Xunta, presentou o plan de formación

24 feb 2020 . Actualizado ás 14:21 h.

A sede da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo (Apehl) acolleu este luns a presentación do Programa Integrado de Emprego que desenvolve esta Asociación desde o 15 de novembro de 2019 e durará ata o 14 de novembro deste ano. A través desta iniciativa contactar con máis de 100 persoas demandantes de emprego de Lugo e de Monforte de Lemos.

O acto contou coa presenza de Pablo Casal, director xeral de Orientación e Promoción Laboral; José Manuel Balseiro, delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, e Jacobo García-Bobadilla, secretario da Apehl.

Pablo Casal destacou que a Xunta está a apostar pola formación xa que o persoal cualificado é fundamental para o crecemento e o desenvolvemento correcto das empresas. Pola súa banda, García-Bobadilla insistiu nesta mesma idea, pois «o persoal é o activo máis importante que temos nos establecementos hostaleiros e necesitamos traballadores ben formados».

O programa contará coas seguintes accións: a) Información, orientación e asesoramento. b) Formación transversal en idiomas, competencias dixitais para o emprego, prevención de riscos, intelixencia emocional, busca de emprego… c) formación para o emprego. d) Realización do certificado de profesionalidade. e) Prácticas non laborais en empresas. f) Prospección empresarial. g) Emparellamento de ofertas de traballo cos participantes. h) Medidas de conciliación da vida familiar e laboral.

Está dirixido a mulleres, persoas desempregadas menores de 30 anos con baixa cualificación, persoas desempregadas con discapacidade e persoas inmigrantes desempregadas. A Asociación conta cumprir co obxectivo de acadar un mínimo do 45 % de insercións laborais.