O líder espertou no Pazo ao Breogán máis ilusionante

I.MEITÍN BUJÁN LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Os celestes arrasaron ao Valladolid coa súa marca de valoración na campaña actual (123) e xa son o terceiro mellor equipo neste apartado

18 feb 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

O líder Carramimbre Valladolid marchouse de Lugo ruborizado. Temía a visita ao Pazo, pero de ningunha maneira pensaba que ía sufrir semellante humillación. A súa presenza espertou ao mellor Leite Río Breogán, ao Breo máis ilusionante, ao que quere ver con máis regularidade a fiel inchada celeste. O marcador non dá lugar a dúbidas (95-71), pero máis que o electrónico, o que de verdade reflicte a enorme superioridade local é o desenvolvemento do partido e o resultado global da suma das valoracións dos xogadores que saltaron ao parqué. Os valisoletanos quedaron en 50, mentres que o grupo de Diego Epifanio foise ata os 123 créditos que lle permitiron establecer unha nova plusmarca persoal no presente campionato. O teito breoganista neste apartado estaba nos 121 acumulados no derbi galego ante un Leyma Coruña ao que tamén zarandeou. Unha semana despois acadaría os 112 no clásico ante o COB Ourense. As outras dúas veces que o Breo superou os 100 créditos foron a costa do mesmo rival, o TAU Castelló. En terras levantinas chegou a 108 e no Pazo quedou en 102.

O atracón de créditos ante o líder sitúa ao cadro lucense no terceiro posto do ránking neste apartado. Presenta un total de 1.908 e unha media de 86,7 por encontro, e unicamente vese superado polo Chocolates Trapa Palencia (88,9) e o HLA Alacante (87,6). Carrambimbre Valladolid , Delteco GBC, Melilla e TAU Castelló son os equipos que máis preto están das cifras do Leite Río Breogán.