Juan Carlos Quintana: «As artes marciais son unha filosofía de vida»

Xosé María Palacios Muruais
xosé maría palacios VILALBA / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

Este adestrador de taekuondo, nacido en Ribadeo e afincado en Vilalba, destaca a función de desenvolvemento persoal que realiza ao desempeñar o seu traballo con xente nova

18 feb 2020 . Actualizado ás 17:00 h.

Nas paredes do despacho de Juan Carlos Quintana, nacido en Ribadeo en 1961 e residente en Vilalba desde hai décadas, hai diplomas; no corredor polo que se chega á zona do ximnasio onde se adestran os clientes hai trofeos. Os premios non son mal recibidos, aínda que explica por que: «Cando veñen, agradécese; sobre todo, polos rapaces, pola ilusión», di o impulsor do club Jansu.

Ilusión aínda se lle nota, sen dúbida, en canto ponse a falar de artes marciais en xeral e de taekuondo en particular. Para el, asegura, trátase sobre todo de formación persoal e non da procura dun palmarés, posto que os que están baixo a súa dirección son mozas e mozos.

-Que son realmente as artes marciais?

-As artes marciais son unha filosofía, unha forma de vida. O taekuondo ten cinco alicerces: integridade, perseveranza, autocontrol, cortesía e espírito indomable. Con eses cinco alicerces, aplicados debidamente, podes lograr que o taekuondo sexa para unha persoa un modo de vida. O taekuondo defínese como artes marcial coreana, con emprego de mans e de pés en defensa e en ataque.

-Como se pode convencer alguén de que chegue a practicalo?

-Non tes que convencela. A persoa ten que sentir que a chama ese mundo. Non podes convencer ninguén; cada un ten que ser o que quere ser.

-Hai nas artes marciais unha esixencia física maior que noutras actividades?

-Ningunha. As artes marciais teñen que adaptarse á persoa, non a persoa ás artes marciais. Hai que colocar o nivel correcto para que alguén faga algo: por unha limitación, non debes deixar de facer algo.

-Hai un plus de violencia?

-Ao contrario. As artes marciais teñen un plus de acougo, de tranquilidade, de paz... Cando explico estas cuestións a mozos de doce ou de trece anos, pregúntolles a que veñen. Cando lles digo que eu non ensino a pelexar, desmóntolles as ideas que traen. Hai que falarlles con claridade e saber chegar a eles. Ao final danse conta do que lles digo, e aqueles que non se dan conta deixan de practicar taekuondo durante un tempo.

-Necesítase unha entrega maior?

-Calquera deporte é sacrificio. Unha entrega maior? Non a vexo. O que si vexo é o que pode achegar a unha persoa que o practica. A sociedade dálle hoxe ese matiz de deporte, e hai que conseguir medallas para ser alguén: a sociedade quere medallas, eu quero persoas.

-Quedan eses cinco alicerces dentro de quen practica esta arte marcial?

-Sempre. O curioso das artes marciais é que os números van ao revés: o primeiro é o dez, e logo van baixando.

-Cambiou na sociedade a percepción que hai das artes marciais?

-Hai anos, as artes marciais víanse como algo místico. Hoxe hai máis coñecemento, ven doutro xeito.

-Gáñase autocontrol, seguridade...?

-O taekuondo dáche tranquilidade. Hai pelexas que empezan por inseguridade: se transmites seguridade, hai persoas que xa non se achegan a ti.

-Engánchase un?

-Tes que aprender a xestionar esa relación. Cando practicas algo e nalgún momento non o fas, sentes que che falta algo. O que máis engancha é ver os resultados da túa actividade.

-Pódense practicar as artes marciais toda a vida?

-Sempre. Aínda que deixes de practicalas, sempre van deixar algo dentro de ti. Ás veces, o simple feito de falar con alguén che vale para sacar o que levas dentro; e por iso digo que as artes marciais son máis que un deporte. De feito, o taekuondo que practicamos aquí é unha parte cultural do pobo coreano.

-É máis difícil a práctica nun sitio pequeno?

-Non. Depende da capacidade que se teña. Nun núcleo grande hai máis oferta e máis demanda. Nos pequenos, ás veces, encarécense as cousas: non podes abaratar porque non hai un gran campo que che permita gañar pola cantidade de xente.

-Hai obsesión polo corpo?

-Xa houbo máis da que hai. Eu vexo o ximnasio como un centro de saúde. Se podes mellorar algunha parte do corpo, perfecto; pero nin sequera nese caso deixa de ser unha cuestión de saúde. As obsesións son malas, e entón os exercicios vólvense prexudiciais. Pero o deporte pode axudar moito.

 Unha actividade de gran arraigamento en Vilalba

O taekuondo ten arraigamento en Vilalba, e esa afección estendeuse a outros municipios da Terra Chá. Quintana recoñece que a práctica se consolidou de xeito notable e compara a afección que chegou a haber co menor interese dunha comarca próxima como A Mariña. Desde que empezou, tamén cambiou a relación co deporte: «Lembro os tempos nos que a xente non estaba acostumada ver a outra xente facendo exercicio», di.