O Arde Lucus promociónase ata en chinés

l.g.c. LUGO / LA VOZ

LUGO

cedida

O Concello presenta en Fitur un vídeo promocional en cinco idiomas

22 ene 2020 . Actualizado ás 20:22 h.

Cada ano que pasa o Arde Lucus faise máis grande. A súa repercusión traspasa fronteiras e o Concello de Lugo quere chegar cada vez máis lonxe. Ata China , se pode ser. Para conseguilo, o vídeo promocional que editou sobre a festa de recreación histórica inclúe unha versión en chinés que se suma ás de galego, castelán, inglés e francés.

 «Responde á vontade do executivo de alcanzar unha proxección internacional, atraer turismo extranxeiro e incrementar a nosa pegada nese país co que nos unen moi boas relacións derivadas do hermanamento, entre Murallas, que mantemos dende 2007», explicou a concelleira de Xuventude, Ana González Abelleira, responsable da festa.

O vídeo que o Concello de Lugo presentará na maior feira de turismo de España está editado con imaxes reais da festa gravadas durante o Arde Lucus, o que permite reflectir con fidelidade en que consiste a celebración, que o próximo mes de xuño acadará a súa décimo novena edición.

Pero o Arde Lucus non é o único contido turístico que o Concello presenta estes días en Madrid. Tamén dará a coñecer a campaña Lugo KM 100, impulsada desde o BNG e que intenta pór en valor a cidade e os distintos camiños de Santiago que percorren o municipio.

Onte, ademais, a asociación provincial de hostaleiros presentou un novo volume da colección de guías turísticas «E para comer Lugo». A deste ano busca transportar ao lector aos lugares con máis encanto da provincia. Trátase dun álbum de viaxes a través do que se comparten os mellores recordos, sensacións e imaxes cos que coñecer a natureza, o patrimonio, a cultura e gastronomía de todos os municipios lucenses. A tirada é de 15.000 exemplares.

Tanto a Deputación de Lugo como a Xunta tamén están a colaborar coa promoción da provincia lucense na feira internacional de turismo que se celebra en Madrid.