«O coche eléctrico é seguro»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

Profesores do IES Pena Novo, de Vilalba, explican como actuar con estes vehículos nun accidente

22 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Un coche eléctrico é máis silencioso que uno de gasolina ou de gasoil: só a aceleración que se dá cando se pretende aumentar rapidamente de velocidade produce algo de ruído. É menos contaminante: non funciona cun combustible que libere emisións á atmosfera. É menos útil para viaxes longas: a autonomía sen encher sitúase ao redor duns poucos centenares de quilómetros, moi afastada aínda da que permiten os coches cuxos motores funcionan con gasolina ou con gasoil.

É máis perigoso un coche eléctrico? Corren máis riscos o condutor e os seus acompañantes se hai un accidente? Non. «O coche eléctrico é seguro», afirma Juan Dourado, profesor do ciclo medio de Electromecánica de vehículos do IES Pena Novo, de Vilalba. O centro ten un coche eléctrico e dous híbridos cos que os alumnos se van familiarizando con eses vehículos, e mesmo organiza xornadas informativas para explicar como se debe actuar se un destes coches teñen un accidente.

Hai un protocolo de actuación para os turismos de motor eléctrico, precisa Dourado. Cada un ten unha ficha de rescate, na que debe indicarse por onde han de iniciar o seu traballo os equipos de intervención. Nun vehículo híbrido ou eléctrico, recalca o docente, non se pode ir directamente á batería para cortar nin tampouco aos cables. Na batería dun destes coches manéxanse 400 voltios en corrente continua, e sóbese a uns 600 en corrente alterna cando o motor funciona.

O que debe facerse é consultar a ficha de rescate, que pode buscarse en Internet aínda que, agrega o profesor, adoitan estar escritas en inglés ou en alemán. A continuación de be mirarse en que partes deseñouse a intervención para pór o coche accidentado en modo seguro, que significa que só haxa tensión na batería e non noutros puntos do vehículo.

Nalgúns modelos eléctricos hai un punto do que se pode tirar para facer dous cortes nunha liña, xa definida polo fabricante. Con é liña, continúa o profesor, lógrase que a alta tensión non chegue a ningún outro punto. De todos os xeitos, si convén distinguir, matiza Dourado, entre riscos eléctricos e riscos químicos: nese sentido lembra que as baterías destes coches son de litio e que resultarían perigosas se de derramasen.

Juan López, profesor do mesmo ciclo, explica que con estas baterías, pensando no seu bo funcionamento e na súa correcta conservación, debe de actuarse de modo parecido a como se fai coas dos teléfonos móbiles: López suxire que non se deixe caer o índice de carga por baixo do 20 % nin subilo ao máximo porque, di, «así se alonga a vida da batería».

O mantemento dun coche eléctrico, afirma López, é menor que o doutros. Recalca que algúns vehículos eléctricos teñen un sistema de refrixeración líquida: o profesor di que canto mellor se manteña a temperatura da batería, mellor rendemento conseguirase. Doutra banda, a carcasa da batería é de titanio. Con todo iso, resume López, o habitáculo «é máis seguro que o doutros vehículos», aínda que agrega que o risco cero non se dá nin nestes vehículos nin en ningún outro.

Estes vehículos teñen no seu interior menos elementos que outros, polo que, explica Dourado, nunha intervención tras un accidente hai menos riscos.

A formación, fundamental para os rescates

Juan Dourado di que a formación é fundamental. Explica que a un equipo de rescate, cando se lle informa de que acuda a un accidente con coches deste tipo implicados, debe dicir de que modelo trátase, xa que así saberá como actuar nada máis chegar. Para onte pola tarde, no instituto, estaba prevista unha xornada técnica con asistencia de persoal das agrupacións locais Protección Civil e da Cruz Vermella e do parque comarcal de bombeiros.