Juliet Ocampo: «Pódese ser universal na Terra Chá ou na Mariña, en todas partes»

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

Publicou e editou pola súa conta un libro con poemas en galego e en castelán

17 ene 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Juliet Ocampo foi a primeira nena que naceu no Hospital da Costa, en Burela, en 1999. Lembra que ese feito lle deu un certo perotagonismo, aínda que ese ano xa nacera algún neno antes ca ela. Tamén agora acada protagonismo, pois mañá -Casa da Cultura de Castro de Ribeiras de Lea, sete da tarde- presenta o seu primeiro libro, «Almas grises».

-Hai un fío condutor no seu libro?

-O centro do libro é a muller, o feminismo; o secundario, Galicia. Se tivese que escoller unha palabra, diría que o libro fala da humanidade. Hai unha cuestión social; falo de moitas cousas.

-Pódese ser universal na Terra Chá, na Mariña, onde un estea...?

-Pódese ser universal na Terra Chá ou na Mariña, en todas partes. Por exemplo, falo do matrimonio infantil, que é moi propio de África. O maltrato animal tamén é importante no libro.

-Que a moveu a escribir este libro?

-As noticias: as da televisión, as da prensa, as da radio... Por exemplo, nas da muller, cada día mátanas: mátanas os homes, as ex parellas... Igual pasa co matrimonio infantil: saen con frecuencia noticias diso. Tamén investiguei pola miña conta, vin documentais... O libro, por exemplo, está documentado con datos que recolle Unicef.

-Por que decidiu publicar unha obra en galego e en castelán?

-Os primeiros poemas que escribín estaban escritos en castelán. Escribíaos na clase de Filosofía [ri]. Por iso, entre os agradecementos está o meu profesor

de Filosofía. Ese profesor e a de Galego animáronme a escribir. A de Galego animábame a que escribise en galego: sempre me dicía que lle gustaban as miñas redaccións e que me tiña que animar a escribir.

-Escolleu a autoedición, que non é se cadra o máis habitual. Resulta máis difícil?

-É difícil, pero con gañas faise. O meu libro non encaixa en ningunha editorial, porque ten dous idiomas. Quería que o libro fose propio de min, porque Galicia é bilingüe e eu tamén o son. Se os poemas en galego se traducisen, perderían a esencia toda.

-Supuxo unha dificultade engadida o emprego de dous idiomas?

-Non. Foi doado. Orientei a obra a falar de Galicia: de feito, aparecen cancións típicas. Orientei a parte en castelán á crítica social.

-Por que escolleu a poesía como forma de expresión?

-É o que comecei a escribir e o que comecei a ler. Gústame escribir un xénero que xa lin. Comecei a ler poesía con Elvira Sastre, que é unha poeta madrileña, e iso nótase. Fago crítica social coma ela.

-Haberá máis libros?

-Si. Sigo a escribir poesía, xa integramente en galego. Os que len o libro din que a parte en galego é a que máis lle gusta, que ten máis esencia.

-Escolleu a autoedición. Vale para outros?

-A autoedición está aberta a todos. Hai quen ten un libro e non o saca dunha carpeta do ordenador. Pero tamén implica un certo gasto, porque tes que contratar ilustrador, maquetador... E tes que imprimir os exemplares, o cal tamén ten un custo.

-Pagou a pena?

-Si. Sobre todo porque está a gustar moito o libro.