Mateo Sánchez: «Ao Breo non lle gardo rancor, só lle podo estar agradecido»

LUGO

ÓSCAR CELA

Admite que nun primeiro momento custoulle asumir que fose o descarte para alongar o contrato de Gavrilovic

23 ene 2020 . Actualizado ás 16:31 h.

Mateo Sánchez (Lugo, 1999) non volverá vestir a camiseta do Leite Río Breogán na presente campaña. O corpo técnico decidiu que fose el o descarte para prorrogar o contrato de Gavrilovic, que chegara como interino para suplir ao lesionado Nogués, e o novo aleiro lucense asúmeo de xeito moi profesional, sen reproches e só mostras de agradecemento cara ao club no que se enrolou o pasado verán cargado de ilusión.

-Como encaixou a noticia?

-Cando ma comunicaron colleume un pouco de sorpresa porque non mo agardaba, a pesar de que sabía que era unha posibilidade. Ao principio custoume un pouco asumila, pero co paso dos días vouna dixerindo e só penso en seguir traballando coa cabeza ben alta e mirando cara adiante.

-Entende que teña sido o xogador descartado?

-Tampouco trato de darlle demasiadas voltas nin moita importante, xa que agora estou en época de exames e debo ter a cabeza despexada. É unha situación bastante complexa, é verdade, e analizareina máis adiante porque, como che dicía, nestes momentos prefiro centrarme exclusivamente nos exames.

-Que explicacións deulle o adestrador?

-Comentoume o que todo o mundo xa sabe, que eramos 13 xogadores en persoal e só podiamos ter 12 e que me darían de baixa federativa. E que seguiría vinculado ao club aínda que non podía entrar nas convocatorias.

-Que plans ten? Gustaríalle saír cedido?

-Nestes momentos estou máis pendente dos meus exames que de calquera outra cousa e non contemplei ningunha posibilidade. O mes que vén tomarei algunha decisión respecto diso.

-Cando fichou dixo que viña ao Breogán co obxectivo de crecer como xogador e como persoa. Conseguiuno en tan poucos meses?

-Por suposto. Sinto que cada día son mellor xogador e mellor persoa e iso é posible grazas a que estou rodeado de incribles compañeiros, non podía telos mellores: Salva Arco, Sergi Quintela, Christian Díaz, Dago Pena... Pero non só deles aprendo cada día. Tamén o fago de Epi, de Javi e de Iago, que son magníficos adestradores, de Tito Díaz... En definitiva, de toda a xente que forma o Breogán. A acollida o primeiro día foi fantástica, tratáronme sempre coma se fose un máis e estou feliz por poder formar parte desta familia.

-Parece que non lle garda rancor ao club.

-En absoluto. Ao Breo só lle podo estar agradecido por darme a oportunidade coa que soña calquera rapaz de Lugo que xogue ao baloncesto. O meu pai defendeu este club hai 30 anos e poder continuar co apelido Sánchez no baloncesto da cidade para min é un orgullo. Oxalá poida volver defender esta camiseta algún día e levar ao Breo todo o máis alto.

-Isto non é un adeus, ou si?

-Agardo que non. Se teño a posibilidade de volver ao Breo o ano que vén, ou dentro de dous ou cando sexa, faríao sen ningún tipo de dúbida. A miña intención é regresar algún día e triunfar no Pazo.

-Que futuro lle augura ao equipo?

-Estou seguro de que fará unha gran segunda volta. A imaxe que demos no último partido ante o Almansa non se parece en nada ao que realmente é este equipo. Estivemos bastante desacertados e un pouco fose do partido, pero estas cousas poden ocorrer nunha liga tan competida. Queda moito aínda, a segunda volta é moi longa e estou convencido de que o equipo vai ir a máis e acabará a liga regular moi arriba.

-Que rivais parécenlle os máis fortes?

-Tampouco sigo moito aos demais equipos, a miña única preocupación é o Breogán, aínda que os resultados din que o Valladolid e o Delteco son os mellores nestes momentos. Pero volvo dicir que nesta liga son frecuentes as sorpresas e pode pasar de todo.