O Concello de Lugo modifica a súa ordenanza lingüística para acatar unha sentenza do Supremo

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O alto tribunal obriga ao concello a modificar rótulos e sinais en galego por unha denuncia presentada pola entidade Falamos Español

26 dic 2019 . Actualizado ás 21:56 h.

Unha sentenza do Tribunal Supremo esixiu en febreiro deste ano distintos cambios na Ordenanza do Uso do Galego na Administración Municipal de Lugo: tradución de termos como ‘rogos e preguntas', a palabra ‘lingüístico' e varios parágrafos en galego, así como outras transcricións da ordenanza. O Concello presentou un recurso de casación ante a Sala do Contencioso Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, argumentando que a sentenza tiña falta de lóxica e tamén de motivación. O órgano xudicial respondeu cun recurso de casación para desestimar a queixa do Concello, que derivou en que o propio concello pagase as costas do xuízo (Falamos Español di que 4.000 euros). A denuncia inicial foi presentada por Galicia Bilingüe, entidade integrada en Falamos Español, unha asociación que se define como apartidista e sen ánimo de lucro —aínda que na esquina superior dereita da web deixa claro que acepta doazóns con PayPal— e que «defende os dereitos lingüísticos dos hispanohablantes» Desde a entidade denunciaron hai anos ao Concello ao considerar que a ordenanza lingüística discrimina o uso do español na cidade. Nunha nota de prensa actual aseguran que a ordenanza modificada por orde do Tribunal Supremo será levada ao pleno municipal deste xoves, pero no Concello explican que con case total certeza non será así porque o texto aínda non foi aprobado en xunta municipal. «Os servizos xurídicos do Concello adaptaron a ordenanza ao que di a sentencia, e hai acordo de todos os grupos políticos sobre o texto», explican desde o Concello.

«Estado de inseguridade»

O recurso de casación recolle que «aínda que a literalidad dos apartados 1 e 2 do artigo 1 da ordenanza non nega ao castelán o carácter de lingua oficial, é claro que o que coas súas previsións se pretende , concretamente coa non mención expresa do castelán como lingua oficial, é crear polo menos un estado de inseguridade na cidadanía sobre a posibilidade de usar o castelán nas súas relacións co Concello de Lugo».

A sentenza esixe tamén ao Concello que cambie a rotulación de oficinas e despachos, para que estes aparezan en galego e en castelán «para que cumpra a finalidade informativa». Argumenta que «a similitude de ambas as linguas pode facer innecesaria en moitos casos a rotulación nos dous idiomas, pero nos demais casos en que a similitude non existe, a seguridade viaria esixe a utilización dunha e outra lingua». Tamén di que na normativa do concello aparece o imperativo «expresaranse en galego» ante determinadas situacións, algo que, segundo a sentenza, choca co dereito de toda persoa ao uso do castelán, incluídos os cargos electos do concello.

A Mesa pola Normalización Lingüística asegurou hai meses que existen «prexuízos ideolóxicos e políticos» na decisión do Supremo de desestimar o recurso interposto polo Concello de Lugo e confirmar a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

O procedemento empezou no ano 2012 e desde Falamos Español aseguran que «a ordenanza cuestionada foi aprobada por unanimidade e aplaudida con entusiasmo polo goberno da Xunta de Núñez Feijoo», polo que solicitan a axuda de Casado.

«Esta vez non é en Cataluña onde trampean a un tribunal», din en Falamos Español

«O español está prohibido en documentación, convocatorias, ordes do día, mocións, votos, expedientes administrativos, actas, acordos, comunicacións, notificacións, recursos, escrituras públicas, contratos, programas informáticos, cabeceiras de impresos, selos, expedientes administrativos, os anuncios que se publiquen no Boletín Oficial da Provincia e no Diario Oficial de Galicia, libros, revistas, carteis, folletos, todo tipo de publicacións, mensaxes, campañas, os asentos nos rexistros administrativos, rótulos e sinalizacións, vehículos do Concello, parque móbil de Policía Local, Protección Civil e Bombeiros e os vehículos das empresas concesionarias ou que presten servizos ao Concello. O persoal deberá usar o galego no seu traballo», aseguran desde a páxina web de Falamos Español, que tamén elaboraron o «primeiro estudo sobre adoutrinamento nos libros de lingua de comunidades bilingües» .