O Breo segue na crista da onda

Xosé Ramón Penoucos Blanco
X. R. Penoucos LUGO / DEPORTES

LUGO

CARLOS CASTRO

Os celestes gañaron ao Melilla e asíntanse na parte nobre da táboa

07 dic 2019 . Actualizado ás 21:53 h.

Con moito máis sufrimento do agardado, sobre todo despois dun inicio de partido espectacular nos dous primeiros cuartos, o Breogán superou ao Melilla, un dos seus rivais directos por estar arriba, e subiu a súa cuarta vitoria consecutiva, o que lle permite dar un paso de xigante para consolidarse entre os aspirantes a todo.

O Breogán entrou no partido consciente de que tiña que golpear primeiro e así o fixo, sobre todo cun Fall que foi a sorpresa no cinco inicial e que realizou uns primeiros minutos espectaculares. Os tiradores tamén se sumaron á festa cun Melilla que asistía impasible aos mellores minutos dos lucenses en toda a liga. A consecuencia foi que os locais pecharon o primeiro cuarto con 13 puntos de marxe e unha afección asombrada.

Na segunda entrega os de Epi mantiveron a tensión, aínda que non lograron incrementar en demasía a súa vantaxe debido a que os norteafricanos reaccionaron tanto en defensa como en ataque para conseguir manterse con opcións no partido. A pesar diso, os propietarios da cancha lograron incrementar un pouco máis a súa vantaxe para retirarse a vestiarios cunha cómoda marxe de 16 puntos. Un triplo de Ahonen sobre a bucina pechou o primeiro tempo que rematou co preparador visitante notablemente enfadado cos seus, motivos tiña, sobre todo en defensa.

O repouso non sentou ben aos de Epi, que viron reducida a súa vantaxe a 8 puntos en 3 minutos, unha canastra de Falla e dous triplos do capitán devolveron a calma ás bancadas, que volveron enfadarse cando un par de decisións arbitrais controvertidas permitiu achegarse a 10 puntos aos visitantes, Un parcial de 0-5 dos de Alejandro Alcoba achegou ao seu equipo e obrigou a Epi a parar o partido cun tempo morto para aclarar ideas. Un tiro libre de Díaz pechaba o terceiro cuarto e deixaba ao Breo cunha renda de 6 puntos.

Toda a claridade no tipo dos dous primeiros cuartos transformouse en noite na última entrega do partido na que os visitantes lograron achegarse a tres puntos 69-72 e saltaron todas as alarmas no Pazo. A situación empeorou cun triplo de Uclés que igualada o choque e daba inicio a un novo partido a falta de 3 minutos.

O Bela Ciao soou con forza no Pazo e os xogadores notárono cun triplo de Ardo e dous tiros libres de Ahonen para volver pórse por diante,

Dous roubos de balón e senllos triplos de Salva Arco e Ahonen devolveron a vantaxe de 10 puntos aos de Epi e deixaron practicamente sentenciado un partido no que o Breo contaba con sufrir e así foi, a pesar de que o excelente inicio facía presaxiar un compromiso moito máis tranquilo..

Ao final, vitoria importante con Powell nas bancadas como testemuña e desexando saltar á cancha para axudar aos seus,

Consulte aqui a ficha do partido