Marshawn Powell chega ao Breo para apontoar o perímetro e axudar na zona

LUGO

cedida

O norteamericano é novo xogador breoganista a falta da firma e o recoñecemento médico

10 dic 2019 . Actualizado ás 18:36 h.

A á pivote norteamericano Marshawn Powell, a falta da firma e de pasar o recoñecemento médico, é novo xogador do Breogán en lugar do lesionado Thomas de Tahey.

Marshawn Powell é un xogador de 2.01 metros e 104 quilogramos que iniciou a súa andaina no Razorbacks da Universidade de Arkansas e renunciou ao seu último ano na universidade para presentarse ao draft da NBA no que non foi elixido por ningún equipo. Ao non poder entrar no baloncesto profesional norteamericano determinou dar o salto a Europa para militar no seu primeiro ano nun equipo da liga ucraína. A tempada seguinte asinou polo Universo Treviso da serie A2 italianas no que militou dúas tempadas, antes de dar o salto á Bundesligaalemana para xogar no Oliver Basketball. No 2017 regresou a Italia para xogar tamén na A2, pero nesta ocasión no Viola Reggio Calabria.

Características

A nova incorporación do cadro breoganista responde á típica figura do catro que, á marxe de desenvolverse ben no xogo exterior, ten condicións para axudar aos seus compañeiros na pintura, un perfil que se corresponde exactamente co que buscaba o cadro que prepara Epi, con problemas ata o momento na liga sobre todo na loita polos rebotes. É posible que o xogados chegue esta noite a Lugo.

A incorporación deste xogador de 29 anos non pecha o capítulo de fichaxes no conxunto breoganista, que continúa sondando o mercado para atopar a un pivote dominante, posto no que o equipo está a mostrar carencias a estas alturas da competición.