O cazador que matou a Alma alegou que era un perigo para o tráfico

Carlos Cortés
carlos cortés MONFORTE / LA VOZ

LUGO

CEDIDA

Díxolle á Garda Civil durante a súa declaración que lle disparou porque se metía na estrada

07 dic 2019 . Actualizado ás 09:49 h.

O home que está a ser investigado por maltratar e tirotear á cadela Alma en Chantada alega que lle disparou porque o animal roldaba por unha estrada próxima e era un perigo para a circulación. Ao parecer, o sospeitoso deu esta explicación aos axentes da Garda Civil que acudiron á súa casa a tomarlle declaración despois de que unhas testemuñas denunciasen o que estaba a pasar.

Unha parella, a voz de alarma

O suceso ocorreu o pasado día 3 nas proximidades da aldea chantadina de Soilán e se transcendeu publicamente é porque unha parella que circulaba nese momento co seu coche por alí vin a escena, parouse e gravouna en vídeo cun teléfono móbil. As dúas testemuñas contaron á Garda Civil que mentres ían no seu coche pola estrada N-540 cando á altura de Soilán atopáronse con que un can cruzaba a estrada diante deles e inmediatamente oíron un disparo. Ao mirar facía o lugar do que viña o ruído viron ao agora denunciado cunha escopeta na man. Despois pararon o coche, encaráronse co home e avisaron á Garda Civil.

Acababa de parir

Ao parecer, o denunciado admitiu aos axentes que acudiron a tomarlle declaración que a cadela non era súa, pero que acababa de parir a seis crías nun alpendre próximo á súa casa. E engadiu que lle disparou porque o animal se metía na estrada e podía provocar un accidente de tráfico. A investigación xudicial aberta terá que determinar se despois de tiroteala arrastrou á cadela douscentos metros cun pastor e un ferro dun pastor eléctrico. É o que recolle ao parecer o atestado policial, no que os axentes explican que o denunciado recoñecera que disparou contra a cadela a través da estrada e fan constar que unha vez ferida foi a por ela, atouna e arrastrouna polo chan coa corda e a peza do pastor eléctrico uns douscentos metros.

Arma confiscada

A Garda Civil confiscou ao autor do disparo a arma que utilizara na agresión, unha escopeta de marca Benelli. Tamén lle foi reiterada de forma cautelar a licenza de armas de caza da que é titular. Á marxe de que poida figurar como imputado nun delito de malos tratos animais, o que lle pode supor unha condena de ata dezaoito meses de cárcere, o mero feito de disparar unha escopeta de caza xunto á estrada N-540 xa supón unha infracción administrativa pola que as autoridades pode deixar en suspenso unha licenza de armas e confiscarlle ao responsables as súas armas. A lei de caza vixente en Galicia prohibe non só disparar, senón mesmo levar unha arma destas características montada nas proximidades dunha estrada.

Os cachorros de Alma recupéranse en Vilalba

Os seis cachorros de Alma, a cadela que morreu tras ser maltratada e recibir un disparo dun cazador de Chantada, recupéranse con Tamara na súa casa de Vilalba. «Son casa de acollida e axuliar veterinaria. Ademais, teño lámpadas de calor», explica esta muller. E é que os seis animais non puideron caer en mellores mans. Pola casa de Tamara pasaron máis de 200 cans e gatos nos últimos nove anos. «Críe moitas camadas a biberón», engade esta muller, que decidiu contar e aclarar o sucedido.

Os seis cachorros entraron nun centro autorizado pola Xunta e foi Tamara a que se fixo cargo deles como casa de acollida e tamén como voluntaria. Este é o procedemento habitual nestes casos. Os animais estiveron perfectamente coidados en todo momento. Aínda que houbo distintos movementos para trasladar aos cans a outros lugares, este tipo de procedementos están regulados pola administración, que obriga ao cumprimento da lei.

Centos de persoas na concentración de Lugo leron un manifesto a favor do endurecemento das penas por malos tratos

Varios centos de persoas saíron onte ás rúas de Lugo para esixir o endurecemento das penas por malos tratos animais tras casos como o de Alma. A concentración empezou fronte ao Concello, na Praza Maior, ás oito da tarde e percorreu tamén a rúa da Reina , a Ronda e volivó á praza. Na protesta, centos de persoas expresaron a súa repulsa ante casos como o da cadela de Chantada, que faleceu despois dos brutais malos tratos que lle proferiu un cazador, que chegou a dispararlle e arrastrala polo chan.