«O poder dar premios xa é de seu algo agradable, pero se amais a persoa á que lle toca necesita o diñeiro, resulta moi impactante», explica emocionado un loteiro de Vilalba

María Guntín
Graduada en Xornalismo pola UCM e Máster en Xornalismo Avanzado Multiplataforma de La Voz de Galicia. Eu escribo desde a delegación de Lugo, pero ti podes escribirme a maria.guntin\lavoz.es

Á provincia de Lugo gústalle investir en lotería. Así o din os datos oficiais que adiantan as cifras do sorteo de Nadal. En total, nas administracións de toda a provincia se venden algo máis de 28 millóns de euros en décimos de lotería, tres máis que o ano pasado e é que en 2018 vendéronse 127.000 décimos. Cada persoa empadroada na provincia -en total son 331.327- gasta de media 85 euros, a cifra máis alta de toda Galicia e unha das máis elevadas de España, por baixo só doutras cidades de paso nas que a venda de lotería a viaxeiros é frecuente. Un lucense gasta 35 euros máis que un ourensán, segundo as estimacións, 20 máis que alguén de Pontevedra e dez máis que os coruñeses.

En Lugo, o gasto en décimos de lotería subiu nun 14% se se compara co do ano pasado. Esta é a cifra máis alta de España, explicada en parte polos premios que recaeron na provincia durante os últimos anos. El Gordo caeu en Vilalba no ano 2017, provocando un aluvión de vendas nos últimos anos.

O primeiro premio do sorteo extraordinario de Nadal tocou en Lugo cidade en 1974, 1976, 1988, 2014 e 2018. En Meira tocou no ano 2012, en Monforte, en 2018, do mesmo xeito que en Valadouro. Vilalba repetiu o ano pasado e o anterior como repartidor del Gordo de Nadal.

As vendas

Nas administracións, as vendas sitúanse na media dos últimos anos, segundo explican algúns loteiros. 

Eva Cancela e Pilar Rodríguez, da librería e administración de loterías Campus de Lugo explican que o habitual é que sexan os clientes diarios os que compren lotería de Nadal. De cando en vez chama alguén para preguntar especificamente por unha numeración, pero non é o máis habitual. «Que tocase en Lugo nos últimos anos anima moito a venda e eu creo que pode volver tocar perfectamente. Tamén son moitos os afeccionados que piden o número que coincida coa data de nacemento dos nenos. A día 1 de xaneiro, as vendas son as de sempre. «O ano pasado, antes da ponte non quedaba nada. E este ano está a piques de ocorrer o mesmo», explican desde Campus. Nesta administración vendeuse un quinto premio no ano 2016 e o primeiro do sorteo do xoves ese mesmo ano. «Moito dos carteis que ves aquí e que indican os premio son de xente que se decatou de que lle tocou ao vir aquí», contan. O 13 segue sendo a terminación favorita de moitos e a máis demandada na administración. Como curiosidade, estas mulleres explican que hai xente que mira a numeración do billete co que van pagar o décimo antes de elixilo, para así decidir a terminación.

ÓSCAR CELA

Equipos aficcionados á lotería

O Rácing Vilalbés xoga o mesmo número todo oano . O seu presidente, Paco Ruiz, conta que son cen os abonados e que xogan o mesmo número desde hai moitos anos. Todas as semanas xogan á lotería do sábado e, en Nadal, repiten cifra para o sorteo do Neno e o de Nadal. 

Vilalba, un foco de sorte

Daniel Formoso repartiu sorte na súa administración Álcazar, de Vilalba, no sorteo do Nadal de hai dous anos e en 2018 as vendas subiron notablemente como consecuencia do premio. «Este ano non vai como o pasado porque o efecto premia aumenta, pero logo baixa», explica Daniel, que tamén conta que chama moita xente pedindo determinados números. A terminación en 13 continúa sendo a favorita e, agora mesmo, xa está esgotada. Os clientes tamén piden a terminación que se corresponde coa data de nacemento das súas fillas e fillos e mesmo a que se corresponde con dátaa dalgún acontecemento histórico. «O nivel de vendas deste ano vai ben, de aquí saíron 14 grandes premios nos últimos 20 anos», conta Daniel.

Da administración Alcázar saen décimos por mensaxería cara a Cataluña, o País Vasco ou Andalucía, aínda que a maior parte dos décimos, admite Daniel, van parar ás mans de clientes habituais de Vilalba. «Estes últimos anos aumentou moito o envío de lotería», explica o loteiro.

«Vimos a xente chorando porque estaba nunha situación económica delicada e acabáballe de tocar a lotería de nadal. O poder dar premios xa é de seu algo agradable, pero se amais a persoa á que lle toca necesita o diñeiro, resulta moi impactante», conta Daniel emocionado.