«Estaremos ante o inicio do despegamento do Breogán?»

Ricardo Hevia POR RICARDO HEVIA

LUGO

LOF

«Toca o máis difícil, que é gañar e agardar a que os de arriba perdan, pero só con triunfos méteselles presión»

21 novs 2019 . Actualizado ás 18:16 h.

En Huesca agardaba unha xornada de penitencia. O abafo convertía unha saída alcanzable nunha pesada obrigación, eu diría que angustiosa. Gañouse. A viaxe de regreso supoño que sería un alivio e o traballo da semana, moito máis distendido e agradable. Non importa se o Levitec Huesca é un rival máis ou menos forte. O Leite Río Breogán está a loitar contra si mesmo para que ninguén dubide de que o ascenso é un obxectivo alcanzable. Gañouse con solvencia, pero, sen recorrer a ensaladas de números que só marean, hai cifras elocuentes. Os celestes lanzaron 23 triplos e converteron 14, o 61 por certo, que é unha barbaridade; colleron 28 rebotes, 23 deles defensivos, o que deixa bastante claro o pouco acerto do seu adversario. Pero ollo, hai un apartado que preocupa especialmente. O Breo lanzou só 6 tiros libres e os oscenses 29. Breogán cometeu 30 faltas persoais e o Huesca só 17. Xa o comentamos a semana anterior, os nosos cometen demasiadas faltas porque son malos defensores, case sempre chegan tarde e creo que é un problema de aptitude, díxeno e sígoo crendo.

Agora é imprescindible cambiar o paso, encadear un refacho de triunfos e armarse de paciencia. Toca o máis difícil, gañar e agardar a que outros perdan, pero só con vitorias pódeselles meter presión.

O rumor da procura dun pivote é incesante e a clave parece estar en Aleksandar Marcius e a súa recuperación. Co silencio máis absoluto sobre o seu estado, non estaría mal algunha noticia respecto diso. Non hai mercado de homes grandes ou de verdade se está agardando a que o croata se recupere? Tempo para máis erros non queda moito e aínda que se poña énfase no ben que nos vai noutras facetas, será o resultado deportivo o que determine se foi un bo ano ou un fracaso.