O fin do Camiño

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

19 novs 2019 . Actualizado ás 09:03 h.

Este mércores, na fin do Camiño, inauguraremos unha exposición sobre o fin do Camiño, en aparente xogo de palabras que é proba da riqueza do noso idioma. Sendo Camiño con maiúsculas sabemos que falamos dos camiños que levan a Compostela, que agora son sete pero que poden ser setenta, porque os camiños a Santiago son todos por onde pasan peregrinos. Falando de «a fin» do Camiño referímonos necesariamente a Santiago, onde os Camiños rematan, xa que a fin en feminino fálanos da conclusión, termo, do itinerario da peregrinación.

E falando de «o fin», en masculino, trata do motor que move ao peregrino, do motivo da peregrinación, que en calquera lugar do mundo se poña a camiñar, animado por un sentimento máis poderoso que a dor, o cansazo ou as inclemencias meteorolóxicas.

A exposición que o colectivo Egeria inaugura en lugar tan especial como a ermida de San Fiz de Solovio, onde apareceron as luces que anunciaban o sepulcro do Apóstolo, tenta explicar o case inexplicable: cal é o motor que move ao peregrino, os sentimentos do camiñante, a ruta exterior que percorre ou a ruta interior que constrúe.

E isto, en galego, castelán e inglés, para que todos os peregrinos comproben -se eses son os seus sentimentos- que na fin dos Camiños a Compostela somos quen de comprender o seu sentir, xa que todos somos camiñantes na procura dun ideal -soño, ao fin- que só ao chegar á fin física se pode comprender o seu fin.