Un cura de Lalín, xefe de prensa do bispo de Lugo

X. R.Penoucos LUGO .

LUGO

cedida

Marcos Torres dirixirá o departamento de comunicación do obispado e será o portavoz

20 novs 2019 . Actualizado ás 10:53 h.

O bispo de Lugo, Alfonso Carrasco, puxo en marcha un departamento de comunicación que estará dirixido polo sacerdote Marcos Torres, que tamén cumprirá funcións de portavoz do obispado. A creación deste departamento de prensa é para «servizo da igrexa diocesana co desexo de camiñar cos novos tempos e seguir anunciando con forza a boa noticia de Xesucristo», manifestou o bispo, Alfonso Carrasco.

Marcos Torres naceu en Lalín (Pontevedra) hai 34 anos. Realizou os seus estudos no Colexio Sacro Corazón da capital do Deza e no seminario diocesano de Lugo. Licenciado en estudos eclesiásticos na Universidade Pontificia de Salamanca foi ordenado sacerdote polo bispo Alfonso Carrasco Rouco en marzo de 2010. Comezou o seu traballo pastoral como formador e profesor do seminario menor e delegado episcopal de mocidade. Despois un período como párroco «in solidum» da parroquia de Santiago A Nova de Lugo, foi enviado á súa terra natal. Na actualidade é párroco de Lalín e delegado episcopal para as vocacións ademais de director espitirual do seminario menor de Lugo e profesor de secundaria no CPR Sacro Corazón do Deza. Colaborou en varios medios e o pasado mes de xullo rematou o Máster de Xornalismo e Comunicación Dixital da Universidade Complutense e o diario ABC, xornal no que fixo as prácticas.

O novo xefe de prensa do obispado manifestou que se sente «agradecido pola confianza mostrada polos meus superiores e ilusionado por este novo encargo eclesial».

Marcos Torres tamén é coñecido polo seu pasado político no que chegou a ser xefe de campaña do PP en Lalín e tamén no ámbito deportivo por ter presidido o equipo da capital do Deza.