A carreira de Viesgo fixo brillar a Lugo

Xosé Ramón Penoucos Blanco
x. r. penoucos LUGO / LA VOZ

LUGO

Centos de persoas participaron na sexta edición dun evento que xa é un clásico en atletismo e solidariedade

16 novs 2019 . Actualizado ás 20:51 h.

Atletismo e solidariedade volveron ir onte da man na sexta edición da Viesgo Night, proba que xa se converteu nun clásico no calendario deportivo lucense.

O número de inscritos superou os 600 entre todas as categorías confirmando así que a ilusión dos participantes superou unha vez máis con fartura ao mal tempo.

A proba volveu iluminar as rúas do centro histórico da cidade grazas ás lanternas que todos os participantes portaban na súa cabeza e que permite dotar a esta competición dun ambiente que non se vive en ningunha outra.

A competición foi seguida por un numeroso público e os que estaban a pasear polo centro e viron o luminoso pelotón non puideron ocultar o seu asombro nin deixaron escapar a oportunidade de inmortalizar o momento cos seus móbiles.

Carácter solidario

O carácter solidario e de inclusión desta iniciativa prima sobre o aspecto competitivo. Unha edición máis, a recadación íntegra das inscricións será destinada a colaborar co Banco de Alimentos, comprando comida para os máis necesitados. Nesta edición da proba, a gran novidade foi a colaboración de membros de GOGAMI, que cumpriron esencialmente coa importante tarefa de atender aos centenares de participantes en todas as súas necesidades, ademais de colaborar en todos os aspectos relativos á organización do evento.

No que compete ao ámbito meramente deportivo, o vencedor na categoría masculina absoluta foi Manuel Furtado, que precisou dun tempo de 13 minutos e 40 segundos para completar os 5 quilómetros de percorrido. A 12 segundos chegou o segundo clasificado, Nicolás Arrojo e completou o podio Jesús Corral , que entrou en meta cun tempo de 14 minutos e 20 segundos. En categoría feminina a triunfadora foi Cristina Azanza cun tempo de 18 minutos e 11 segundos. A 29 segundos da gañadora chegou á meta Daniela Rebolo nun apertado esprint con Ana Mouriz á que só superou por 2 segundos.