O temporal de choiva e neve orixina cortes de estradas e suspensión de clases na provincia de Lugo

X. R.Penoucos LUGO .

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Máis de 800 alumnos non puideron asistir a clase

15 novs 2019 . Actualizado ás 09:39 h.

O forte temporal de choiva e neve orixinou problemas en varios concellos da provincia, esencialmente os da zona da Montaña, provocando o corte de varias estradas e a suspensión de clases en varios colexios.

As nevadas da pasada madrugada, que continuaron durante a mañá, orixinaron problemas en varios puntos da Montaña de Lugo, obrigando aos axentes da Garda Civil a reter camións na A-6 á altura de Gomeán, ademais de restrinxir o paso de vehículos articulados en Pedrafita.

A DXT informou que a circulación estivo condicionada e restrinxiuse o paso de vehículos desde as 7.38 horas na zona entre Pedrafita do Cebreiro e Doncos. A poucos quilómetros desa zona, na estrada LU-633 que une Pedrafita e Triacastela, está prohibida a circulación de vehículos articulados e camións.

Na zona sur tamén houbo algún problema, o máis relevante no Alto do Faro, en Chantada , e no alto de Oural, no Concello de Sarria, onde tamén nevou con intensidade durante toda a noite e á primeira hora da mañá.

No Alto do Fiouco, entre Mondoñero e Abadín, está recomendado circular con precaución debido á mala visibilidade e os fortes refachos de vento.

A situación, prevense acumulacións de neve que poden chegar aos 20 centímetros, determinou que a Consellería de Educación suspendese as clases na zona afectada.

A Deputación despregou un operativo composto por tres máquinas quitaneves e tres vehíciulos todo terreo para atender os problemas producidos por choiva e neve en varios concellos da provincia.

As estradas afectadas pola neve atópanse nos municipios de Baleira , Folgoso do Courel, Cervantes, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Quiroga, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

As intensas choivas tamén obrigaron a cortar dúas estradas en Cospeito , son a LU-P-1701 e a LU-P-1112 que se atopan alagadas debido ao desbordamento do Miño.

O número de alumnos que non poderán asistir a clase ascende a 867 e os colexios afectados son os de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Samos, Pedrafita do Cebreiro e Triacastela. Algúns escolares non puideron asistir a clases en Castroverde , o CEE Santa María de Lugo e o Xograr Afonso Gómez de Sarria, pero os centros están abertos con normalidade.