2004: Cando o capón voaba alto

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

CARLOS CASTRO

O Concello de Vilalba buscaba novas saídas para ampliar a difusión do animal

12 novs 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O Nadal ten en Vilalba unha entrada ao grande. Supona o comezo das festas, aínda que a data teña tido oscilacións nos últimos tempos. A deste ano terá lugar o 22 de decembro. A xornada elixida para o certame adoitaba ser o 21 de decembro, aínda que tamén houbo anos nos que a data escollida correspondía ao fin de semana anterior a Noiteboa, á marxe da xornada que correspondese no calendario, para favorecer os traslados dos animais a cidades de fóra de Galicia.

Os transportes a cidades onde o capón se encarga para telo presente en comidas ou en ceas das festas do Nadal indican un cambio fronte á situación de hai décadas, cando os capóns se vendían na capital chairega a quen acudían á feira. É unha das mostras de como a feira, na que o capón actúa como protagonista absoluto, ha ir transformándose.

Hai 15 anos, o Concello e a asociación de criadores preparaban coa feira unhas xornadas técnicas, nas que se analizarían as posibilidades de cría dunha variedade de capón. Era un proxecto de I+D que contaba co apoio da Xunta e no que se avaliou a viabilidade de comercializar un capón de menos tamaño e de menos peso, sacrificado con cinco meses de vida fronte aos oito habituais.

Do estudo deduciuse que había suficiente interese no mercado para desenvolver a iniciativa. Cando se expuxo se esa medida entraría en competencia co capón tradicional, cuxa venda se reduce ás semanas anteriores a Nadal, máis dunha vez utilizouse unha comparación tomada do sector vitivinícola para explicar a diferenza: o capón que chegaría como novidade ao mercado, en cantidades abrumadoramente superiores ás habituais, sería como o viño de crianza, en tanto que o protagonista da feira anual equivalería ao viño gran reserva, Houbo mesmo xornadas gastronómicas para degustalo, aínda que a cría a gran escala non se desenvolveu aínda.

Poucas semanas despois de que se anunciasen as xornadas sobre novas vías de comercialización do capón, púxose en marcha a páxina web www.capondevilalba.org, que ofrece información sobre este tradicional produto. Tamén o escenario cambiou desde entón, pois se abandonou o aparcadoiro da praza da Constitución e agora a feira celébrase nunha carpa instalada nesa mesma prazas.

Outro gran banzo subido polo capón foi a consecución da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Capón de Vilalba, recoñecida pola Unión Europea hai dous anos. A introdución de novas condicións de matanza é o obstáculo que falta salvar para póla en marcha. Mentres tanto, na asociación de criadores hai algo máis de 50 membros, e o número de capóns censados, que se venderán na feira e en días anteriores, anda polos 1.600 exemplares.