Christian González: «Vox non é un partido de ultradereita, só queremos recuperar o sentido común en España»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / AXENCIA

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O cabeza de lista ao Congreso por Lugo sinala que non pararán ata conseguir un deputado por Lugo

07 novs 2019 . Actualizado ás 13:23 h.

Vox presenta nesta ocasión por Lugo a alguén co que os lucenses poden non só falar se non polo menos pór un rostro. Chámase Christian González Nogueira, fillo de ourensáns que emigraron a Venezuela , e con familia na Mariña. O seu discurso é similar ao do seu líder nacional, Santiago Abascal: «Vexo á xente preocupada porque o golpe de estado en Cataluña pon en perigo a unidade de España, existe un grave problema de seguridade no país, faltan medios nas forzas de seguridade do Estado en Lugo, cada vez hai máis furtos e violacións, e temos un problema de inmigración ilegal e sen control».

ALBERTO LÓPEZ

González móstrase contento porque grazas ao debate do luns «millóns de españois puideron escoitar a Abascal sen cortes nin censuras». Cauto nas súas palabras, medindo ben o discurso, é igual que o líder de Vox: «Directo, falándolle claramente á xente de Lugo, explicándolles que nos somos un partido de ultradereita, simplemente que queremos recuperar o sentido común en España».

Apenas leva dous anos de militante en Vox, e aos seus 33 anos -casado cunha profesora de baile galego en Bande- é consciente de que o domingo o seu partido non conseguirá sacar un deputado por Lugo, pero considera que Vox chegou para quedar «e non lles caiba dúbida de que o intentaremos, intentarémolo, intentarémolo e ao final conseguiremos un deputado». Do contacto que está a manter durante a campaña cos lucenses afirma que trasladará en Madrid os problemas de Lugo.

ALBERTO LÓPEZ

Christian González -que vive entre Madrid, Galicia e Venezuela, país onde coordina Vox- viviu a política desde pequeno, xa que o seu pai e o seu irmán, desde a Irmandade Galega, militaron activamente. Cando se lle pregunta quen foron os seus referentes políticos teno claro: «Ningún, porque en España non había un partido que dixese a verdade e a sensatez como agora Vox». Afirma que se sente cómodo en Lugo, «especialmente grazas aos afiliados lucenses, que están facendo un traballo impagable e que confían nos ideais do partido».

Perfil

Caracas (1986). Casado. Fillo de emigrantes de Carballiño e Celanova.

Enxeñería Civil. Traballa en empresas da construción e sector inmobiliario.

Milita en Vox desde hai dous anos. Preside Vox en Venezuela.