Días de cine

Xulio Xiz TRIBUNA

LUGO

29 oct 2019 . Actualizado ás 08:49 h.

Lugo vén de mergullarse na sétima arte dentro da XLI das Semanas que cada ano ofrecen cine a fartar aos lucenses cinéfilos, que aínda somos ben deles.

Lembrei con tal motivo os tempos nos que a provincia tiña medio cento de cines, e había locais en Guitiriz ou O Saviñao, na Fonsagrada ou na Pontenova, en Vilalba ou en Quiroga. Era mediados dos anos sesenta, cando aínda había xente en vilas e aldeas, e o cine era relixión. Lugo tiña daquela seis salas; tres dentro de murallas: Gran Teatro, Central Cinema e España, e tres fóra: Kursal, Paz e Victoria. Todas, na nosa lembranza.

No 79 comezaron as Semanas de Cine, que foron creando cinéfilos ou reforzando neles unha devoción natural pola máis moderna das artes clásicas… e foi pasando o tempo, e milleiros de películas, e cambiou o mundo pero o cine segue a manter o seu misterio, mesmo incrementándoo.

E na actualidade hai un fato de cines no centro comercial As Termas, os cines Codex e os Cristal… e o cine segue, porque se o vídeo non matou á estrela da radio tampouco os dispositivos audiovisuais poden facer máis que potenciar o cine.

Cada vez que entramos nunha sala de cine, o misterio renóvase, e en canto se apagan as luces da sala e se ilumina e enche de son a pantalla o noso mundo dá paso a un mundo novo de sentimentos e ilusións que nos embarga e nos transporta, meténdonos nunha historia na que somos protagonistas pasivos, na que só podemos deixarnos levar.

Vexo cine na tele como telón de fondo para traballar, pero recoñezo que entre o cine televisado e o das salas tradicionais, a súa maxia, o seu encanto… non hai color!.