Entre zarzas e toxos para salvar a Antonina

TANIA TABOADA LUGO / LA VOZ

LUGO

ÓSCAR CELA

Unha patrulla da Garda Civil de Baamonde rescatou dun regato a unha muller que estaba desaparecida

28 oct 2019 . Actualizado ás 13:07 h.

Carlos Rodríguez (Castro de Rei, 1983) e Fernando Mallo (Lugo, 1980) son os dous axentes do posto da Garda Civil de Baamonde que na mañá do 7 de outubro rescataron con vida de entre as zarzas a Antonina González Prieto, que estaba descalza e metida nun regato. Esta veciña da Mámoa, na parroquia guitiricense de San Salvador, atopábase desaparecida desde a tarde do domingo 6, cando saíu á súa habitual camiñada pero, a diferenza do resto de días, non regresou a casa.

Preocupado pola situación, sobre as 17.00 hora o fillo alertou da súa ausencia e inmediatamente a Garda Civil activou o correspondente protocolo de procura. «Estabamos realizando labores de vixilancia e cando recibimos o aviso xa nos diriximos ao domicilio da señora, que residía na mesma casa que varios familiares, pero na planta baixa da vivenda, de maneira independente. O fillo indicounos que camiñaba moito e uns veciños vírana cando supostamente regresaba da andaina. Empezamos a recorrer as zonas habituais polas que paseaba e as próximas á vivenda. Á vez informabamos á veciñanza da súa ausencia», indica Carlos, que estaba de servizo a tarde da desaparición e a mañá do achado.

Pasaban as horas, ameazaba a noite e de Antonina non había nin rastro. Ás 22.00 horas colleu a substitución outra patrulla, que continuou buscándoa baixou a néboa e a xeada.

A pesar dos labores de procura, a muller non daba sinais de vida e ás seis da mañá renovaron a procura os axentes Carlos e Juan, xunto a patrullas de Vilalba, Guitiriz e Protección Civil. «Empezamos a recorrer o radio preto do seu domicilio. Apagabamos o vehículo e chamabamos por ela. Así ata chegar a unha pista agreste, situada a un quilómetro da casa. Estacionamos o vehículo, chamámola e respondeu. Metémonos por entre as silvas, toxos e desniveis e xa a vimos. Estaba metida no regueiro, descalza e coa auga ata os xeonllos. Tiña rozaduras, contusións e sinais de hipotermia, polo que sacamos as nosas cazadoras e puxémosllas a ela. Trouxémola en brazos e introducímola no coche oficial», explica Fernando Mallo, que ao tempo avisaron ao COS e pediron unha ambulancia, que se encargou de evacuala ao HULA.