Noriega Varela, o poeta que amou a flor do toxo

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

PALACIOS

Noriega Varela, nado en Mondoñedo e enterrado en Viveiro, converteu aa montaña de Abadín nun lugar especial

19 oct 2019 . Actualizado ás 11:23 h.

Álvaro Cunqueiro é coñecido polas súas obras literarias pero tamén polo epitafio que escolleu para a campa da súa sepultura, situada no cemiterio vello de Mondoñedo, onde acougan os seus restos. O seu desexo de que Galicia durase mil primaveras máis tense mantido tanto, por agora, coma a sona do escritor.

Noriega Varela naceu en Mondoñedo hai agora 150 anos e foi enterrado en Viveiro, onde morreu en 1947. Non é coñecido por unhas frases que se teñan gravado na súa sepultura, pero si tivo un epitafio en forma de verso. «Perdoade cando esbardallei e finxín./ Pro foi verdade que amei a flor do toxo/ e as pucharcas do monte,/ que endexamais saberán das estrelas que as miran./ Con sombreiros novos cubrín meus desacougos/ e morrín na beriamar sen despedirme/ das uces, das queirogas, das folerpas da neve,/ das mozas da montaña e da montaña mesma,/ que andará preguntando polo seu soñador».

O poema, escrito por Álvaro Cunqueiro, ten por título Epitafio a Noriega Varela, e foi incluído nunha edición aumentada de Herba aquí ou acolá, que se publicou en 1991, anos despois da morte do autor O que hai neses versos, máis alá do acerto poético que se recoñece a unha indubidable figura como a de Cunquiero, vén ser unha declaración de intencións (literarias) e unha enumeración dalgunhas coñecidas paixóns de Noriega.

Hai versos seus que amosan esas debilidades. «¡Nin rosiñas brancas, nin claveles roxos!/ Eu venero as froliñas dos toxos./ Dos toxales as tenues froliñas,/ que sorríen, a medo, entre espiñas». Non se necesita ser un gran lector da súa obra para coñecelos, aínda que non vén mal un certo percorrido pola súa vida para achegarlles algo máis de sentido.

O poeta que confesa o seu amor pola flor do toxo é o mesmo que converteu a montaña de Abadín no seu territorio literario por excelencia. Noriega, que estudou no Seminario da súa cidade natal aínda que non foi ordenado crego, foi mestre, e iso supúxolle ter distintos destinos. A beiramar cantábrica (Foz), Ourense (Calvos de Randín primeiro, Trasalba despois), a parte da Corda de Abadín que baixa cara á Terra Chá (A Graña de Vilarente) e outra vez a Mariña (Chavín, preto de Viveiro) foron lugares vencellados coa súa vida, aínda que o seu corazón poético semella máis namorado da montaña de Abadín, as terras altas de Romariz e de Labrada, ca de calquera outro lugar.

«¡Oh do ermo preciado tesouro:/ as froliñas dos toxos son de ouro!/ De ouro vello son, mai, as froliñas/ dos bravos toxales, ¡das devociós miñas!...». Eses versos, coma os citados antes, son do libro Do ermo, publicado en 1920. Pero ese amor pola montaña tamén foi visto recoñecido nel por outros.

«Pero aínda a bota de viño corre, coma unha bendición de Deus, de man en man, e aínda quedamos polos mundos tres millóns de galegos aos que non sorprendería atopar a ánima do poeta xogando ao dominó en Chantada, pescando salmóns no Miño ou escoitando o bombo de San Xoán de Romariz, o bombo máis sonoro do universo...». Así escribiu Camilo José Cela nun artigo publicado no xornal madrileño Arriba en 1947, pouco despois do pasamento do poeta. «Unha das máis claras voces de Galicia deixou de falar», engadiu o escritor de Iria Flavia. O pai deste coñecera a Noriega, a comezos do século XX, en Foz, e os dous, con Antón Villar Ponte, editaron alí ¡Guau... Guau!, revista satírica.

Cunqueiro non só lle dedicou a Noriega o poema que se reproduce nesta páxina. Como membro da Real Academia Galega, en 1971, respondeu ao discurso de ingreso de Xosé Trapero Pardo, que escollera ao autor de Do ermo para a súa intervención. Noriega, dixo entón Cunqueiro, foi «un dos grandes poetas galegos de todos os tempos, un poeta que dou unha ollada nova».

Cunqueiro dixo do que fora unha dás grandes voces poéticas galegas de todos vos tempos

«Unha das máis claras voces de Galicia deixou de falar», escribiu Cela na súa morte