Caballero enumera as obras impulsadas por Sánchez para lanzar a campaña en Lugo

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

Óscar Cela

O secretario dos socialistas galegos rodeouse na cidade de candidatos e cargos do partido

15 oct 2019 . Actualizado ás 19:48 h.

O líder dos socialistas galegos, Gonzalo Caballero, rodeouse onte da plana maior do PSOE provincial para presentar aos candidatos de Lugo a Congreso e Senado nas próximas eleccións. Foi un encontro no que o secretario autonómico dos socialistas falou de voto útil e subliñou que con Pedro Sánchez á fronte do goberno central a provincia mellora. «A Lugo vaille ben cando os socialistas gañamos en España», proclamou Caballero antes de enumerar as iniciativas impulsadas durante o mandato de Sánchez.

«Temos o aval feito polo goberno socialista», apuntou Caballero. O tramo Arzúa-Lavacolla da A54, investimentos en estradas ou a autovía da Mariña, que superou o trámite de información pública coa licitación de 240 millóns, encabezaron o discurso do secretario xeral do PSdG, que se acordou da licitación da renovación total da catenaria Monforte-Ourense, dos prototipos antinéboa para o alto do Fiouco, ou a adxudicación por 1,1 millóns de obras na rede ferroviaria Monforte-Ourense.

«Destináronse 800.000 euros para a redacción do proxecto da estación tren e aparcamento en Lugo. A licitación do novo centro de seguridade social Viveiro, subíronse as pensións a 116.000 lucenses, 2.000 lucenses tiveron permiso paterniadade, está a intermodal en marcha», continuou desagregando Gonzalo Caballero, cuxo partido apostou nesta ocasión por Ana Prieto para encabezar a lista de candidatos ao Congreso e por César Mogo como número uno dos socialistas ao Senado.

A reparación de dous viadutos na A6, a adxudicación por parte de Adif de obras de mellora en 23 pontes ou traballos da Confederación Hidrográfica, como a Edar de Sarria, tamén constaron na enumeración coa que o líder dos socialistas galegos fixo unha chiscadela ao voto útil. Melloras no saneamento de rúas en Monforte conviviron no seu discurso co plan de investimentos en cuarteis como os de Vilalba ou A Fonsagrada e con avances en cultura. Tamén o turismo, coa candidatura da Ribeira Sacra a patrimonio da humanidade, foron enarborados por Caballero, que estivo flanqueado por la alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o presidente da Deputación, José Tomei.

Tamén a rexedora lucense tomou a palabra durante o acto apelando á necesidade de que o goberno central teña estabilidade. «Trátase de buscar unha estabilidade no goberno que permita tomar decisións que axuden a seguir crecendo como se fixo». E para ejemplificar esa estabilidade puxo de exemplo o Concello de Lugo, onde ata a chegada do bipartito «tivemos catro anos complicados».