Lara Méndez reuniuse cos propietarios do Ánxel Fole para que urbanicen canto antes a área afectada

Lorena García Calvo
Lorena García Calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

O Concello comprométese a axilizar os trámites burocráticos que lles afecten

19 sep 2019 . Actualizado ás 18:53 h.

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e o concelleiro de Urbanismo, Miguel Couto, reuníronse con varios dos titulares da Unidade de Actuación UI-1 na que se sitúa o Ánxel Fole para «desbloquear» a situación na que se atopa o aparcadoiro, sobre o que pesa unha orde de peche para finais do mes de outubro.

Segundo explican desde o Concello, Méndez e o edil «acaban de adquirir o compromiso da parte maioritaria dos propietarios da Unidade de Actuación UI-1, na que se atopa o párking Ánxel Fole, para desenvolvela coa maior brevidade coa fin de rematar cos problemas urbanísticos que presenta a zona». Non detallan, iso si, se se refiren á familia propietaria do aparcadoiro, que xa dispón de máis do 50 % da área afectada, ou se inclúe a máis propietarios de espazos tamén afectados.

Explica Méndez que «durante a última semana a rexedora e máis eu reunímonos en varias ocasións con algúns dos titulares destes inmobles do casco histórico coa finalidade de atallar a conflitividade que pode supoñer o inminente peche do aparcamento. Xuntanzas nas que foron abordados os procedementos que continúan pendentes para materializar os proxectos tanto de compensación como de urbanización da contorna».

Actuacións dilixentes

Unha vez que estes proxectos cobren vida e sexan entregados ao Concello, o executivo comprométese á «maior das dilixencias na sua tramitación», pois o reto é axilizar todo o posible a urbanización da área para que estea acorde co que rexe o Pepri e así, posteriormente, poder legalizar o aparcadoiro, que se pechará a finais do próximo mes deixando ao centro histórico orfo de 372 prazas.

O edil de Urbanismo lembrou que o caso que afecta o aparcadoiro do centro histórico leva anos sobre a mesa e defende que o equipo de goberno estivo traballando «de forma permanente e responsable para axustarse á legalidade pero tamén tratando de manter un servizo indispensable para a cidadanía».

Trataron os procedementos pendentes para poder sacar adiante a unidade

Comprométese a axilizar os trámites burocráticos que teñan relación co Concello