Dúbidas no Breogán ás portas da liga

La Voz

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

A análise de Ricardo Hevia

17 sep 2019 . Actualizado ás 18:39 h.

Chegando ao final da pretemporada, e a falta do instrascendente choque en Marín da Copa Galicia, a liga agarda ao virar a esquina e o Leite Río Breogán comeza a ter cara e ollos e a dar pistas á marxe dos resultados, carentes de importancia nesta fase de preparación. Haberá que pór o punto de mira no persoal, na súa composición. O último ascenso do Breo á ACB conseguiuse cun equipo tremendamente superior, sobraron partidos para materializalo. Nesta ocasión, a pelexa vai ser moito máis dura. Mallorca e Delteco GBC van ser moi duros de roer e ao seu lado hai franquías como Palencia e Melilla que, sen ser favoritos, non serán doados de superar, e o domingo pasado, nun choque que tivo de todo menos de amigable, o Club Ourense Baloncesto deunos o primeiro aviso. Mo Soulade é claramente un escolta que, se non anota, en dirección de xogo anda máis ben escaso. Alvarado pasounos por amais , dominou o partido como quixo e debería de levar ao recuncho de pensar a quen se ocupa destas cousas. Certo é que faltaba Roope Ahonen, excelente xogador, pero tamén é claramente un escolta, posición, polo tanto, superpoblada. E penso que falta ese tirador asasino, tan necesario neste baloncesto de triplos. Dago Pena, por favor, ˇun pouco máis de ardor defensivo! Está claro que ten que ser importante, xogando de tres ou de catro, pero ten físico, puntos e se decídese a pegarse dentro tamén ten rebote. Sergio Quintela, fóra de toda dúbida. Por ardor e compromiso, e pola súa capacidade de traballo á hora de defender. O seu último cuarto ante o Ourense foi para enmarcar. Amargou a Alvarado, rouboulle balóns e liderou unha reacción que ao final non se consumou. E dentro, tamén dúbidas. Entre De Thaey, Nurger, Olah e Fall, moitos centímetros e moitas dúbidas. Entre os catro capturaron 13 rebotes e exhibiron moi pouca dureza. O de verdade empeza en pouco máis dunha semana. Partidos vanse gañar unha chea, sin duda, pero ao final, como sempre que se xoga por ascender, son uns poucos soamente os que deciden. Algún favorito pode fallar e seguro que sempre haberá algunha sorpresa porque sempre sucede. O Breogán aínda ten as balas dos extracomunitarios. Oxalá non sexa necesario efectuar cambios e este persoal chegue ata o final, pero remato como empecei, hai algunha posición baixo sospeita.