1984: Cando o Breo volveu cos grandes

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS LUGO / LA VOZ

LUGO

PEITEOU

Logrou praza para xogar competición europea na tempada do regreso á elite

17 sep 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

Se o comezo de tempada é un momento de ilusións para os seguidores dun equipo de baloncesto, setembro de 1984 foi un momento de esperanza para os afeccionados breoganistas. O equipo volvía xogar na máxima categoría tras unha paréntese de sete anos nos que mesmo caera a Terceira División.

A volta coincidía cun momento de efervescencia no baloncesto español, pois a selección conquistara ese verán a medalla de prata nos Xogos Olímpicos de Los Ángeles. Era tamén un momento de cambios, posto que se empezaba a dar validez ás canastras de tres puntos, que se conseguían lanzando desde máis aló da liña situada a 6,25 metros do aro.

Nese momento volveu o Breogán á ACB. Se o deporte da canastra pasaba por transformacións, o equipo tamén se sumaba aos cambios. José Antonio Figueroa substituía no banco a Pirulo, e no persoal seguían só catro dos integrantes que lograran o ascenso (Suso Fernández, Tito Díaz, Manel Sánchez e Tomás Jiménez). Chegaron xogadores nacionais (Pedro Práxedes, Tato Abadía e Juanfra Garrido), a canteira fixo a súa achega (Liru Valiño), e o persoal completouse con dous norteamericanos que deixaron pegada na cidade e na ACB: Jimmy Allen gañara a Copa do Rey co CAI Zaragoza na tempada anterior, aínda que o seu estancia en Lugo se viu truncada por unha enfermidade e foi substituído antes do final de liga; Jimmy Wright tamén tiña experiencia en España ao ter xogado en Huesca, e a súa facilidade para anotar era evidente.

O Breogán formou parte do grupo impar, co Real Madrid, o Joventut, o Caixa de Álava, o Clesa Ferrol, o Lucky Canarias, o Estudantes e o Cajamadrid. A primeira xornada, disputada o 23 de setembro de 1984, xa deixou un gran sabor de boca nos afeccionados, pois o equipo gañou en Vitoria (80-85). No Caixa de Álava xogaban entón o actual presidente, Josean Querejeta, e un norteamericano realmente espectacular, Essie Hollis, e comezaba a súa etapa deportiva un novísimo base, Pablo Laso, hoxe adestrador do Real Madrid.

O Breogán rematou a primeira fase en terceiro lugar, só superado polo Real Madrid e o Joventut, que ao final serían, respectivamente, campión e subcampión. Na segunda fase, encadrado no grupo A-1, acabou sétimo: superou ao Clesa Ferrol na primeira eliminatoria polo título, aínda que o seu seguinte rival, o Barcelona, xa foi un escollo insalvable. Eses meses de competición acabaron con dous premios: un foi xogar a Copa Korac na seguinte tempada; o outro, quedar no recordo da afección.

Superou a primeira eliminatoria polo título e logo foi derrotado polo Barcelona