2004: Bágoas polo cantor da Terra Chá

Xosé María Palacios Muruais
XOSÉ MARÍA PALACIOS VILALBA / LA VOZ

LUGO

XOAN A.ADOITAR

Manuel María, falecido na Coruña hai 15 anos , mantivo un gran vencello coa súa comarca, onde aínda é lembrado

02 abr 2024 . Actualizado ás 21:40 h.

«Ollada a Terra Chá dende as alturas / é semellante a un mar en calma. / Pra medila só valen dúas mensuras: / ferrados de corazón, fanegas de alma!». Quen falou así da Terra Chá foi Manuel María, cuxa morte, ocorrida hai 15 anos (faranse o vindeiro domingo), fixo correr un río de bágoas sobre o amplo e calmo mar chairego.

Faleceu na Coruña, onde levaba anos vivindo, aínda que o seu vencello coa terra de orixe amosouse xusto despois da morte, como se amosara en non poucos momentos ao longo da súa vida. O poeta está enterrado en Outeiro de Rei, onde nacera en 1930 e a onde chegaron os seus restos tras seren velados no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago.

Non é casualidade que un dos máis coñecidos libros de Manuel María sexa o titulado Terra Chá. Por outra banda, unha das máis famosas cancións de Fuxan os Ventos, Ou carro, é unha adaptación dun poema seu no que a comarca aparece xa nas primeiras palabras («Non canta na Chá ninguén...»). Se con eses dous exemplos se ve como a comarca ía dentro do autor outros feitos da súa vida non quedaron atrás en valor simbólico: por exemplo, a capital chairega acolleu, no 2003, o seu acto de ingreso na Real Academia Galega.

Comprobado, pois, que Manuel María, tamén residente durante anos en Monforte, fixo da Terra Chá un dos eixes da súa vida, a súa presenza na comarca de orixe mantense viva 15 anos despois. A fundación que leva o seu nome ten como sede a súa casa natal, na que se gardan libros e obxectos persoais do poeta e na que se desenvolven actividades ao longo do ano.

Por outra banda, a Irmandade Manuel María e a Asociación Cultural Xermolos entregan todos os anos o premio Chairego de honra a alguén vencellado coa comarca, e tamén organizan cada 8 de setembro, data da súa morte, diversos actos na súa memoria.

En Outeiro de Rei, ademais, a Real Academia Galega rendeu homenaxe, o 17 de maio do 2016, a Manuel María como protagonista do Día das Letras Galegas. Houbo actos na Casa da Cultura e tamén na sede da devandita fundación, e aos discursos de políticos e académicos uniuse a intervención dos presentes para cantar Ou carro.