Pagar por entrar na Catedral?

Mario Vázquez O DEÁN DA CATEDRAL

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

21 ago 2019 . Actualizado ás 08:20 h.

Como Deán da Catedral de Lugo véxome na obrigación de contestar á publicación do día 20 de agosto en La Voz de Galicia así como ao responsable da columna publicada. Tanto o titular como as primeiras liñas da columna non se corresponden coa verdade. En ocasións afirmei que non é certo dicir que se cobra por entrar na Catedral. Vostedes din o seguinte: «Pagar por entrar na Catedral de Lugo, unha medida que segue sendo criticada». D. Luis Latorre comeza así a súa columna: «Na nosa Catedral implantouse o pagamento por acceder ao templo, e xa hai certas protestas». É verdade que o Sr. Latorre me dixo que quería falar comigo e eu accedín. Foi el quen atrasou a cita.

Non agardaba que para dialogar houbese que presionar antes nos medios con afirmacións que non son verdade. En primeiro lugar, para entrar na Catedral de Lugo están sempre abertas todas as portas de 9.00 a 11.00 e de 19.00 a 21.00. A partir das 11.00 empezan as visitas turísticas. Continúa aberta a porta da “Sancristía” na Praza de Casas Novoa, a máis usada polos fieis. Incluso quen queren acceder pola porta do Museo non teñen problema. Os tempos cambiaron e a nosa Catedral necesitaba pórse ao día nisto. O turismo creceu en Lugo o 100% nos últimos anos e o noso Santuario esixe unha orde, especialmente polo privilexio da exposición permanente do Santísimo. Estamos facendo un exercicio de liberdade e unha forma nova de evangelizar e atender ás demandas da sociedade actual.