Máis de 20 artistas encherán Sarria de maxia

Gloria G. Viveiro LUGO / LA VOZ

LUGO

Maxia EN sARRIA. Alberto lópez

O festival internacional de maxia celebra 13 edicións de espectáculos en locais e rúas da vila

21 ago 2019 . Actualizado ás 08:48 h.

Este xoves empeza a 14 edición do Festival Internacional de Maxia Vila de Sarria. O evento durará ata o domingo e traerá a máis dunha vintena de magos de gran nivel tanto nacional como internacional á vila. Serán 4 días de maxia con entradas libres e espectáculos que se desenvolverán tanto en espazos pechados como ao aire libre.

A gran novidade deste ano será o cartel de magos que actuarán na localidade. Giancarlo Scalia, un mago italiano especializado en maxia de preto, Luigi Ludus, un mago moi familiar que fai maxia cantada ou Tomás San Xoán, unha das novidades de Got Talent da pasada edición, son algún dos artistas que sorprenderán ao público coas súas atrevidas propostas. «Unha chea de magos fantásticos e que admiro. Estou moi contento co cartel, somos máis de 20 artistas este ano» explica Roberto Lolo, coordinador e organizador do festival.

O coñecido mago, Roberto Lolo, explica que o festival se fai en Sarria como agradecemento aos veciños da súa vila natal. «É o meu xeito de agradecerlles todo o cariño durante todos estes anos. Por iso, mentres eu siga aquí e teña saúde sempre terán o festival cada ano».

A asistencia ao festival nos últimos anos ha aumentado notablemente, sobre todo a partir da cuarta edición. «Empezou a chamar a atención da xente, non só do veciños de Sarria senón de todas partes» explica o organizador. Nas últimas edicións conseguíronse completar a capacidade de todos os espazos nos que estes recoñecidos artistas actuaron.

Este ano o festival presentará un formato similar ás edicións pasadas en canto a programa. Empeza o xoves ás 17.00 horas na Residencia de Anciáns da man do Meigo Pito, e culminará o domingo ás 22.30 horas na Praza dá Vila coa Gran Gala Final que contará coa participación de varios magos invitados ao festival.