Comeza un proxecto en Outeiro de Rei para promover a explotación resineira en Galicia

gloria g. / m. c. LUGO / LA VOZ

LUGO

Cedida

31 jul 2019 . Actualizado ás 05:00 h.

O alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao, e a empresa Sinergias Sostenibles Resifortes SL, representada por Érika Martínez Carreira, firmaron un contrato que permite que a compañía leve a cabo a explotación resineira dunha parcela municipal.

O principal obxectivo que a empresa persegue co convenio é ter un escaparate desta práctica. «Aínda que levamos xa catro anos traballando en Galicia, esta é una actividade descoñecida, polo que é importante ter este tipo de escenarios. A idea é que a xente vaia alí, vexa en que consiste a actividade, e queira facela» explica Erika Martínez.

Érika é enxeñeira de montes e foi unha das primeiras tres persoas de Galicia en ter o titulo oficial de resineira. Leva dende o 2016 implicada en desenvolver este tipo de práctica en Galicia e intenta tamén facela visible entra a sociedade. Cara a abril deste ano a empresa comezou a impartir un curso sobre técnicas de extracción resineira no concello de Outeiro de Rei co obxectivo de xerar novos postos de traballo enlazados con esta práctica.

Grazas a este novo convenio calquera persoa interesada no tema pode visitar a parcela e comprobar os traballos de extracción de resina que se estenderán ata os meses de outubro ou novembro, estando previsto que se poida ampliar.

A cambio de ter esta plataforma para facerse ver, a empresa comprométese a dar certos beneficios ao concello. «Comprometémonos a ter o monte limpo e desprovisto de matogueiras, e logo en concepto de alugueiro dámoslle un 10 % do beneficio da produción».

Galicia é una zona que ten un gran potencial para a extracción de resina. Outeiro de Rei é un concello que ten de superficie 400 hectáreas de piñeiro do país e 2.200 de piñeiro insigne, polo que as condicións son perfectas para levar a cabo estas actividades.

A empresa tamén ten outros convenios de colaboración noutras zonas de Galicia: «Unha situación similar á de Outeiro de Rei témola en Guitiriz, onde tamén temos un curso formativo. O Concello quixo deixar a leira para continuar con este traballo e ter una zona que a xente poida visitar» explica a experta.

A práctica de extracción de resina é unha actividade que achega moitos beneficios tanto sociais como ambientais. «Implica poder xeral postos de traballo e conseguir revalorizar as masas de piñeiro que só se utilizan para un aproveitamento madeireiro» explica Erika. A práctica tamén axuda á redución de incendios, xa que ao facerse a extracción no verán as zonas están vixiadas.