«Facer o servizo militar no Sáhara foi unha aventura máis»

María Guntín
maría m. guntín PORTOMARÍN / LA VOZ

LUGO

ALBERTO LÓPEZ

Eladio Fernández traballou na Policía Territorial e recibiu hai uns días unha medalla polo mérito

21 jul 2019 . Actualizado ás 21:42 h.

Eladio Fernández estivo 13 meses facendo o servizo militar con destino na Policía Territorial do Sáhara. «Teño un grato recordo daquel lugar, foi unha aventura máis da miña vida, explica Eladio, que recalca que grazas ao Exército coñeceu «outra cultura» e, ao mesmo tempo, «outra maneira de vivir». Para el, o que viviu foi emocionante.

«No Sáhara coincidín con moita xente de Galicia», explica este veciño que naceu en Ventas de Narón e, ao retornar do servizo, continuou traballando como agricultor na zona. Sobre o campamento, Eladio lémbrao como algo moi duro. «Facíamos instrución a diario, e tamén dabamos clases teóricas», explica este veterano, que tamén recalca a ilusión que lle fixo recibir a medalla do Sáhara hai uns días.

No Sáhara movíase en camelo, «tiñamos oitenta e ata lle fixemos un desfile para un príncipe emérito», conta Eladio, que lembra como se fose onte a calor asfixiante que facía no Sáhara. A amizade tamén é algo que floreceu durante o servizo militar.

«Teño un mantel feito pola muller dun saharaui que foi moi amigo del», conta Eladio. Ao retornar a Ventas de Narón, este veterano traballou como agricultor ata que perdeu a vista con 30 anos. Do Sáhara, Eladio lembra entre risas o calimocho que bebían e o ben que comeron durante o servizo.