O Lugo lanza a nova campaña de abonados

X. R.Penoucos LUGO .

LUGO

penoucos

Os prezos son similares ás da pasada campaña e poderán facerse renovacións e novas altas vía telemática

19 jul 2019 . Actualizado ás 13:24 h.

Os acordes do mítico Resistirei de Gloria Gaynor foron os elixidos para presentar a nova campaña de abonados baixo o lema #RESISTIREI nun acto celebrado no Vello Cárcere. O tema foi elixido en alusión ao apoio que precisa o equipo para aguantar unha tempada máis entre os grandes a pesar de ser dos máis modestos da competición.

Os xogadores do equipo da Liga Genuine son os grandes protagonistas do vídeo promocional, acompañados de socios veteranos e futbolistas da base nunha montaxe rodada en lugares emblemáticos da provincia como o Castro de Viladonga, a fortaleza de San Paio de Narla ou o Museo Provincial.

A principal novidade no que a prezos se refire é que o club creou unha nova categoría, a sub 18 para mozas entre 14 e 18 anos, que gozarán de prezos máis axustados que os sénior.

A entidade que preside Tino Saqués deseñou para a próxima campaña uns prezos moi similares aos da anterior. A maioría de categorías mantéñense ou experimentan unha pequena baixada.

Outro cambio respecto de campañas anteriores é os abonados poderán por primeira vez renovar o seu carné vía telemática sen ter que visitar as oficinas do club.

O abono permite aos socios asistir a todos os partidos de liga e o primeiro que o equipo dispute en casa da Copa do Rey se pasa o primeiro cruzamento, así como os dun hipotético play off de ascenso. As únicas ocasións nas que terán que pagar un suplemento será nos dous días do club.

Os abonados gozarán de condicións preferentes para comprar entradas nos que o equipo xogue fose de casa, descontos na tenda oficial do club e nos campamentos organizados polo Lugo, así como promocións exclusivas ofrecidas por empresas que colaboran co conxunto branquivermello.

O prazo para renovacións e novas altas comezará o vindeiro luns e prolongarase ata o 20 de agosto. O 22 e 23 axustaranse as liberacións de asentos e cambios de localidades e a partir de aí poder dar altas en localidades liberadas.