Abre en Piúgos unha nova estación de servizo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Óscar Cela

A posta en marcha da que sería a primeira electrolinera da provincia queda de momento no aire

20 jul 2019 . Actualizado ás 20:53 h.

Lugo contará desde mañá cunha nova estación de servizo: Pontebranca, en Cima de Vila, na parroquia lucense de Piúgos. A nova área de reposición -que ocupa unha parcela de case 4.300 metros cadrados- está situada nun lugar estratéxico, na estrada Lugo-Portomarín, a tan só catro quilómetros da futura autovía Santiago-Lugo, aínda sen finalizar. O acto de inauguración está previsto para esta tarde ás 20.30 horas, e será mañá cando abra as súas portas ao público.

O que terá que agardar será a posta en marcha da que sería a primeira electrolinera da provincia, algo que si estaba previsto nos plans iniciais. O promotor do negocio, Indalecio Fernández, explica que deixaron lista unha preinstalación para cargar vehículos eléctricos á espera de que melloren as expectativas do mercado: «Nestes momentos non hai demanda suficiente para abrir a electrolineira, a maioría dos vehículos eléctricos úsanos en organismos públicos, ou autónomos, como vehículos pequenos e con pouca autonomía», explica Fernández.

Preto da autovía a Santiago

A nova área de servizo, a primeira que abre nas inmediacións da A-54, tiña prevista a súa apertura para outubro do 2017, pero os «trámites burocráticos», segundo relata Fernández, foron pospondo ata a data a inauguración. Aínda que non contará con electrolinera, a área de servizo ofrecerá chafarices de gasoil e gasolina baixo marquesiña, servizo de gas para vehículos -un sector en auxe, segundo corrobora o empresario lucense-, tenda, cafetería e servizo de lavado de vehículos.

As instalacións de Pontebranca estarán abertas de 7.00 a 23.00 horas, tanto o servizo de reposición como o de cafetería, na que ofertarán tamén prato do día, bocadillos e outras viandas.

A maiores, ofertan un servizo de distribución a domicilio de gasoil B, para o sector agrícola, e de gasoil C, para calefacción. Considera o empresario que este é un nicho de mercado importante, pois na zona hai moitos agricultores e industriais aos que agardan poder prestarlles este servizo.

En total, traballarán catro persoas na área de servizo e outras dúas na repartición a domicilio.

As expectativas coas que arrinca este novo negocio son boas: «Aínda que é unha estrada provincial, ten unha situación moi boa, moi cerca das entradas e saídas da autovía a Santiago [na A-54 están abertos os tramos de Lugo-Palas de Rei e de Arzúa-Lavacolla] e da futura autovía a Ourense (A-56)», segundo explica Indalecio Fernández.